O domingo, 13 de decembro, celebrouse o XIX Trofeo de Baile Deportivo Concello de Narón que comprendía o Campionato Galego de Danza Coreográfica. O grupo mosense As Meninas, dirixido por Patricia Martínez, conseguiu proclamarse gañador do certame na categoría Junior Territorial Iniciados. Foron recibidas onte na Praza do Concello, onde recibiron a felicitación institucional polo gran logro do título autonómico.
O colectivo de baile mosense As Meninas, formado por Sara Requejo, Ainara Rodríguez, Eva Calvar, Elena Gamallo e Noa Pintos, tras 10 meses sen competir por mor da crise sanitaria da COVID-19, presentáronse ao Campionato Galego en Narón e conseguiron proclamarse Campioas Galegas na Modalidade de Danza Coreográfica, a 8 puntos de diferenza do segundo grupo.
“Loxicamente, o esforzo foi inmenso en todos os aspectos, físico, económico e psicolóxico, tanto por parte delas como por parte dos seus pais. Non é fácil manter motivadas e centradas a unhas deportistas adolescentes en época de pandemia, desde marzo os primeiros sete meses foron entrenos e clases en liña, e desde outubro presenciais”, explica a súa adestradora, Patricia Martínez. Engade que “contabamos que con que o ano xa se acabara en canto ao que a competición e títulos deportivos se refire e de feito empezamos a preparar a nova coreografía do 2021 e foi cando saíu a noticia que se celebraba o Campionato Galego e eu fun a primeira que dixen hai que ir, sí ou sí; pero creo que elas o necesitaban máis que eu, volver sentir a adrenalina, os nervios, ver máis bailaríns… e a verdade é que non puido ir mellor, acabamos o 2020 ao grande”. Martínez quixo agradecerlles “en primeiro lugar aos pais das bailarinas, porque son o principal piar, pero honestamente esta vez quero agradecerlles a elas publicamente o ben que traballaron, aguantado, esforzándose e loitado durante todo este tempo”.