A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, e o concelleiro de Facenda, Alberto Méndez, declararon sentirse “satisfeitos ao poder comezar o exercizo 2021 cos engranaxes da maquinaria da administración local perfectamente engraxados para iniciar o ano traballando e xestionando a pleno rendemento”.
O Concello de Mos anuncia a entrada en vigor a próxima semana do orzamento municipal para 2021 ao non terse presentado ningunha alegación ao mesmo. O prazo de presentación de alegacións rematou o pasado 30 de decembro sen que se tivese presentado ningunha, se ven a oposición votou en contra no Pleno do mes de novembro no que se aprobaran as contas. Unha vez rematado o prazo, será publicado no Boletín Oficial do Estado, BOE, publicación que se prevé se produza de cara á vindeira semana.
O Concello congratúalse de ter aprobado o orzamento municipal mosense “en tempo e forma”, e antes do inicio do novo exercicio económico. Trátase o de 2021 dun orzamento que ascende a 10.998.777,43 euros no seu estado de gastos. As contas están fortemente condicionadas pola situación pandémica causada pola COVID-19.
A crise sanitaria está a deixar a súa pegada en todos os aspectos e por elo o novo orzamento mosense de 2021 está moi marcado e condicionado pola pandemia que afecta en xeral a todas as partidas, tanto á alza como á baixa, co obxectivo de poder dar cobertura ás novas necesidades municipais surxidas á raíz da COVID-19.
A gran novidade deste orzamento foi a creación dunha nova partida específica destinada a gastos derivados da COVID-19, que sumada ás subidas noutras partidas tamén por diversos gastos directos derivados da pandemia, ascende aproximadamente a uns 200.000 euros, que lle permitirán ao Concello adaptarse e afrontar os novos gastos que se xeraron coas novas circunstancias da nova normalidade.
A devandita partida inclúe, entre outros gastos municipais surxidos coa crise sanitaria, desde un reforzo de dotacións para a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias que implican unha mellora do equipamento específico para realizar labores relacionadas coa COVID-19, ata un aumento da dotación económica da partida de Educación, etc.
Ademais desta nova partida, o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento de Benestar Social, que crece debido ao incremento de horas de servizo á dependencia (SAF), entre outras políticas sociais e programas que demandan máis servizo, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada o 1.632.914 euros.
A Policía Local de Mos, dotada de 422.337,46 euros, e o Servizo Municipal de Emerxencias, con 66.997,38 euros son dous departamentos que se ven reforzados no novo orzamento. A Policía continuando na liña de cubir as prazas vacantes, e o Servizo Municipal de Emerxencias co novo GES para Mos, xa que cómpre lembrar que o peso dos servizos a domicilio e desinfeccións para os afectados pola COVID-19 lévano desde Emerxencias.
No que respecta ás prazas da Policía Local, no presente ano 2020 xa se incorporaron 2 novos axentes locais e o vindeiro 2021 farano outros 2, co que a plantilla da Policía de Mos increméntase en 4 novos axentes. A dotación económica para os soldos dos 2 axentes que se incorporarán en 2021 ascende a 65.500 euros.
Educación creceu ata chegar aos 108.500 euros ao dotarse con 16.000 euros ao protocolo específico de desinfección fronte á COVID-19 que se realiza en todos os centros educativos do municipio.
Tamén creceu a dotación do Plan Cultural. Trátase dun reforzo económico para respaldar ás agrupacións do municipio nuns momentos nos que a súa actividade atópase prácticamente a cero por mor da crise sanitaria da COVID-19. Deste xeito incrementouse a partida destinada a financiar o Plan Cultural do Concello de Mos pasando de 25.000 euros en 2020 a 40.000 en 2021 cunha subida porcentual do 60%.
Así, as bases do Plan Cultural modifícanse tamén, de xeito que se adapten á nova realidade e poidan contabilizarse como actuacións as colaboracións que realicen para dinamizar as redes sociais do Concello, sen necesidade de que se produza o espectáculo ou concerto físicamente.
En Deportes prodúcese un aforro do gasto en mantemento de instalacións deportivas como a Piscina Municipal, Pavillóns Municipais e Multiusos debido á reducción de actividades presenciais e aforo con motivo da crise sanitaria. Pero destaca a pesares disto, no capítulo de Deportes, a partida destinada a subvencións a deportistas e clubes mosenses aos que xa este 2020 se lles subira o importe da axuda municipal e, no 2021, ademais de manter a suba xeral, o equipo da U.D. Mos Feminino que ascendeu a Primeira Nacional verá incrementada a súa subvención crecendo ata chegar aos 40.000 euros. Ademais das deportivas, mantéñense tamén todas as subvencións sociais.
Desde o goberno local mosense séguense a priorizar os servizos e continúase a apostar polos labores de limpeza viaria, desinfeccións exteriores, mantemento de parques e xardíns e acometida de obras de saneamento, asfaltado e mellora da seguridade viaria. Para elo deseñouse unha folla de ruta para levar a cabo o plan de inversións municipais, baseado no estudo previo de todas as necesidades existentes no Concello.
Ademais o orzamento de 2021 trátase dun orzamento marcado pola contratación de todos os servizos municipais que foron sacados a concurso público e que xa se atopan adxudicados, entre os que están o material de oficina, alarmas, mantemento de parques e xardíns, soporte informático, climatización e calefacción…