O relevo xeracional desta tradición que marca o inicio do Entroido coa ‘rivalidade’ entre A Feira e Castro Barreiro, asegúrase coa estrea do Rancho Infantil da Feira
Salceda de Caselas vivíu unha xornada de Reis histórica ao contar coa tradicional actuación do Rancho de Reis da Feira e á estrea do seu Rancho Infantil, conseguindo un relevo xeracional dunha das tradicións máis singulares do patrimonio cultural inmaterial galego-portugués.
A parte máis emotiva da mañá foi a estrea do Rancho Infantil da Feira asegurando a continuidade da tradición. Con tan só tres meses de ensaio, os dous danzantes e a dama demostraron a súa valía, que nada ten que desmerecer aos maiores. Organizado pola Asociación Cultural A Feira, esta versión do Rancho de Reis fixo unha serie de actuacións previas o pasado domingo tres de xaneiro en diferentes puntos do barrio da Feira, amosándolle a súa danza á veciñanza e evitando que a xente se xuntara nun único punto, en prevención fronte á COVID19. O rancho conta cun total de catro danzantes e unha dama, que se van relevando para conseguir a formación de dous danzantes e unha dama.
A COVID19 non foi quen de parar esta tradición recuperada hai máis de 20 anos pola Asociación Cultural O Serán. Así, mudouse o lugar da actuación a unha ampla zona acotada do torreiro de Santa María de Salceda, e os danzantes e a dama incorporaron a máscara protectora ao seu vestiario, composto de prendas de cores vistosas. A actuación que posteriormente solían realizar no centro da vila da esfarrapada foi mudada tamén por un pequeno acto no Centro Cultural da Feira.
O Rancho de Reis de Salceda é diferente de todos os demáis, e único pola súa formación e pola súa música. Na súa danza, dous danzantes loitan por conseguir a unha dama, nunha competencia por ver quen resulta o mellor bailarín. A dama, representada por unha nena, será a encargada de elixir ao gañador, obsequiándoo cunha riberirana que bailará en exclusiva con el.
O Rancho de Reis marca tamén o final do Nadal e o comezo do Entroido. Tradicionalmente, no día de Reis, comezaba o enfrontamento entre a Feira e Castro Barreiro, actuando cada Rancho no seu barrio, converténdose no comezo da rivalidade que remataba no Martes de Entroido, cando se voltaban a enfrontar os dous Ranchos de Entroido, cunha formación máis ampla, composta por seis danzantes e dúas damas cada un.