O PSdeG de Mos emitiu onte un comunicado no que pedía explicacións á concelleira de deportes de Mos, Begoña Toucedo (PP), por ter viaxado até Granada durante as festas, e criticaban a falta de exemplaridade en relación ao cumprimento das recomendacións de loita contra a pandemia da COVID-19. Segundo unha publicación feita desde o perfil de Facebook da concelleira, esta viaxou a Andalucía para visitar “ao seu núcleo familiar político natural” xunto coa súa parella sentimental.
O pasado 23 de decembro empezaban a aplicarse as limitacións de mobilidade impostas pola Xunta co obxectivo de protexer a saúde pública, limitar os riscos de transmisión da COVID-19 e evitar o conseguinte aumento da mortalidade. O decreto 222/2020 estabelecía así unha limitación de entrada e saída na comunidade até o 7 de xaneiro, exceptuándose “os desprazamentos a territorios que sexan lugar de residencia habitual de familiares de quen se desprace”, á vez que recomendaba “evitar ou reducir a mobilidade xeográfica o máximo posible”.
Por este motivo saltou a polémica cando a concelleira de deportes en Mos, Begoña Toucedo, publicaba nas súas redes sociais fotografías e videos onde se podía observar como desfrutaba destas datas de descanso nunha estación de esquí en Sierra Nevada (Granada). O PSdeG reaccionaba emitindo un comunicado onde denunciaba a vulneración das recomendacións sanitarias, criticaba a falta de exemplaridade e responsabilidade da concelleira, e exixía desculpas e a súa demisión.
O PP de Mos reaccionou en defensa da concelleira publicando no Facebook un comunicado onde explicaban que a viaxe se producíu para visitar “ao núcleo familiar político natural” da edil xunto coa súa parella sentimental, cuxa familia é residente na zona. Entenden desta maneira que cumprían as restricións de mobilidade e escusan a contravención das recomendacións sanitarias. Porén, a concelleira si pediu desculpas polo malestar que puidera causar entre a veciñanza a publicación das fotografías coa súa parella na estación de esquí de Serra Nevada.