Redacción 23/12/2020

A plataforma está formada por COLEF Galicia, AEXIDEGA e AGAXEDE que asinaron un manifesto no que solicitan ao titular da Xunta de Galicia a volta da actividade deportiva e a creación dun protocolo FISICOVID-DXTGALEGO específico

 

O Colexio Oficial de Licenciados en Ciencias da Actividade Física e do Deporte de Galicia -COLEF Galicia-, a Asociación de Empresas Xestoras de Instalacións Deportivas de Galicia -AEXIDEGA- e a Asociación Galega de Xestión Deportiva -AGAXEDE-, como entidades que representan unha parte substancial do sistema deportivo de Galicia, acordaron constituír a Plataforma Galega pola Educación Física, a Actividade Física e o Deporte.

A súa creación está motivada polas medidas restritivas que se veñen tomando en relación á práctica de educación física, actividade física e deporte, durante a xestión da situación epidemiolóxica derivada da COVID-19 en Galicia.

As tres entidades constituíntes da Plataforma queren manifestar o seu desacordo coa falta de apoio á práctica de actividades físico-deportivas por parte da Xunta de Galicia, xa que, en vez de ser promocionadas, están sufrindo unhas graves restricións. “Non entendemos que estas actividades, cuxa práctica supón uns beneficios importantes para a saúde, estean sendo esquecidas pola administración autonómica e sufran máis restricións que outras actividades sen ningún beneficio para a saúde. É por iso que decidimos elaborar un Manifesto polo recoñecemento da educación física, a actividade física e o deporte como actividade esencial na loita contra a covid-19, que xa foi remitido á Presidencia da Xunta de Galicia, acompañado dunha solicitude de reunión para tratar este asunto”.

En dito manifesto recóllense os seguintes puntos:

I. Que a práctica de educación física, actividade física e deporte ten un recoñecemento legal e institucional directamente relacionado coa saúde.

II. Que a inactividade física é un grave problema de saúde pública, con importantes consecuencias económicas, cuxa solución pasa por un aumento da práctica de educación física, actividade física e deporte.

III. Que o confinamento agravou o problema da inactividade física en toda a poboación e provocou un aumento de lesións deportivas por falta de supervisión.

IV. Que a promoción e protección da práctica de educación física, actividade física e deporte é fundamental na loita contra a COVID-19.

V. Que os servizos de educación física, actividade física e deporte están a demostrar a súa calidade e seguridade fronte á COVID-19.

E solicítanlle ao presidente da Xunta de Galicia:

1. Que os servizos de educación física, actividade física e deporte prestados por entidades e profesionais cualificados sexan recoñecidos como actividade esencial.

2. Aprobación por parte da Secretaría Xeral para o Deporte, dun Protocolo FISICOVID-DXTGALEGO específico para os “centros e servizos físico e deportivos de Galicia.

3. Que non se apliquen á práctica de educación física, actividade física e deporte medidas restritivas de carácter xeral.

4. Que se ofrezan axudas económicas a profesionais, empresas, clubs e demais entidades deportivas.

5. Que se faciliten espazos públicos a todas as entidades e profesionais que non poidan prestar os seus servizos de educación física, actividade física e deporte nas súas instalacións.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad