Redacción 22/12/2020

A sentenza da Audencia Nacional, feita pública esta mañá do 22 de decembro, desacredita o relato policial que sustentaba as acusacións e a campaña mediática levada a cabo nos últimos anos. Desde o inicio das actuacións policiais, as organizacións políticas afectadas, Causa Galiza e Ceivar, denunciaron unha “montaxe” que poñía en risco dereitos democráticos fundamentais e a lexitimidade do activismo político independentista.

 

A Sala do Penal da Audiencia Nacional absolveu esta mañá ás 12 personas que foran xulgadas por enaltecimento do terrorismo a través das asociacións Causa Galiza e Ceivar, para quen a Fiscalía solicitaba condenas de entre 4 e 12 anos de cárcere.

A resolución explica nos feitos probados que Causa Galiza foi constituída para promocionar a cultura e a lingua galegas, a defensa do patrimonio natural, social e cultural de Galiza e a afirmación desta en todos os ámbitos sociais e culturais, sendo todos os integrantes defensores dunha ideoloxía independentista. A sala sinala que fica acreditado a ausencia de vínculo co grupo denominado Resistencia Galega, algúns de cuxos integrantes foran condenados por atividades terroristas. Tamén con respecto de Ceivar, que desenvolve a súa atividade no ámbito dos dereitos políticos e civís, a sala considera probada a ausencia de vínculos co denominado grupo terrorista xa disolto.

Nos seus fundamentos xurídicos, a sentenza considera que, apesar do relato presentado polo Ministerio Fiscal en sustento da súa pretensión condenatoria, fica probado que ningunha das devanditas organizacións tivesen como obxectivo o enaltecimento do terrorismo. “Resulta innegábel a inmersión de ambas asociacións no ámbito da loita independentista plasmada en multitude de movimentos a longo dos últimos anos”. Porén, e atendendo ao criterio xurisprudencial en relación coa figura de enaltecimento do terrorismo, engade que “non pode entenderse, á vista das probas practicadas no plenario […] que os actos de homenaxe realizados por tales grupos puideran revestir a relevancia criminal que o Ministerio Fiscal pretende na súa tese acusatoria”. De feito, sinala a sentenza, a orientación política das organizacións implicadas é merecedora de proteción constitucional. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad