Redacción 21/12/2020

Un total de 34 mozas e mozos de Vigo, Pontevedra, Mos, Cambados, Ribadumia, Gondomar, Ponte Caldelas, Bueu, Tomiño, O Porriño, Nigrán, Moaña, Redondela, Moraña, Marín, Silleda, Sanxenxo e Poio recibiron os galardóns á creatividade.

O pasado sábado celebrouse a gala da cuarta edición dos Premios Provinciais á Xuventude, premios que se outorgan a mozos e mozas da provincia de entre 16 e 35 anos e que se presentan en oito categorías distintas. Con aforo reducido e acceso con invitación previa, o Salón de Plenos do Pazo Provincial abriuse para celebrar o recoñecemento do talento de 34 mozos e mozas de 18 concellos da provincia en diferentes proxectos artísticos, sociais, culturais ou empresariais.

Un dos galardoados foi o porriñés Francisco Leboso, polo seu proxecto audiovisual Ecos da historia, un documental sobre o paleolítico na Galiza que demostra a importancia deste a nivel internacional. O traballo, cuxo primeiro capítulo levou ao seu autor 6 anos e o segundo está en fase de montaxe, deulle a Leboso “a posibiliade de poder levar a cabo varias facetas baixo un mesmo proxecto, desde a direción e a documentación”, así como de compoñer a banda sonora máis longa e complexa “da súa vida”.

Durante o acto, a presidenta da Deputación Carmela Silva reivindicou á mocidade nestes tempos convulsos dende o convencemento de que a xente nova está chamada a “rachar cun discurso que nos molesta particularmente e que consiste en defender que calquera tempo pasado foi mellor e que a mocidade de hoxe está acomodada e ten menos compromiso”, e contextualizou a organización destes IV Premios á Xuventude como “un intento de abrir unha fiestra” e “recuperar a alegría e ilusión que o talento novo representa”.

Os Premios á Xuventude premian os traballos presentados en oito categorías distintas por mozos e mozas da provincia de entre 16 e 35 anos, aínda que no caso do apartado de Educación en Valores están dirixidos especificamente aos centros educativos. Un ano máis, os trofeos a tódalas persoas gañadoras foron elaborados pola Escola de Cantería da Deputación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad