O incremento de contaxios por Covid no municipio supón unha taxa de incidencia no municipio que pasou de 180 a 307 casos poñéndose á cabeza da área sanitaria de Vigo
Ante o incremento de contaxios que ven producíndose nos últimos días, a alcaldesa do Porriño, Eva Garcíade la Torre, solicitou hoxe ao Conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, que o Sergas realice un cribado masivo no Porriño.
A alcaldesa propuxo a que o Servizo Galego de Saúde “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo desestimouse pola melloría” segundo manifestou Eva García durante a reunión telemática mantida hoxe, co Conselleiro de Sanidade e demais alcaldes da área sanitaria de Vigo.
A rexidora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de contaxios “son preocupantes” pois O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 nos últimos 7 días; e 66 casos activos nos últimos 14 días. Ademais, a taxa de incidencia pasou de 180 a 307, o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.
A alcaldesa indicou que “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño que seguen a ser: aforos do 30% no interior e 50% nas terrazas dos establecementos da hostalaría, pechando ás 17.00 h; reunións limitadas a 4 persoas, sexan ou non convivintes; aforos de 250 persoas en recintos deportivos pechados e 500 en recintos abertos e observar todos os demais protocolos de hixiene e distancia.
A alcaldesa convidou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e, polo tanto, seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”, manifestou García de la Torre.