A través de este programa impartíronse ao longo do ano 15 cursos de formación, con prácticas en empresas que despois optaron pola súa contratación
O programa de formación e inserción “Porriño Accede” obtivo unha inserción laboral de 75 persoas, todas elas residentes no municipio, durante este ano 2020.
A maioría das persoas inseridas no mercado laboral estaban desempregadas e todas participaron nos cursos de aprendizaxe impartidos por “Porremprego”, no Multiusos de Torneiros, así como nas posteriores prácticas nas empresas colaboradoras con esta iniciativa do Concello, a través da Concellería de Emprego que dirixe David Alonso.
Este mecanismo de colaboración e formación chámase “Porriño Accede” co obxectivo de mellorar a empregabilidade dos porriñeses. Ao longo deste ano rexistráronse 165 inscricións nos cursos impartidos. E organizáronse 104 entrevistas de traballo en empresas.
Segundo o Informe 2020, baixo a protección de “Porriño Accede” impartíronse 15 cursos de formación sobre especialidades como operador de carretillas elevadoras: manipulación de alimentos; empregados das gasolineiras; axudantes de almacén ou soldadura “migmag”, entre outros.
O Departamento de Emprego agradece a colaboración das seguintes empresas colaboradoras: “Maviva”, “IzmarAutomotive”, “Comercial Udra”, “Alonarti Envases”, “Staroil Porriño”, “Stef Transportes”, “Fegoblan”, “Chousal”, “Peinador SL”, “Inversiones Febeco”, “Construcións Vidal Salvaterra”, “Asentos de Galicia”, “Obradoiros de montaxe de servizos Recan”, “Copo Galicia” e “Gestamp Vigo”.