Redacción 13/12/2020

O deste ano tratarase dun programa máis enfocado ao virtual que nunca e haberá diversas actuacións on line a través das redes sociais do Concello (Facebook…) a cargo de grupos musicais mosenses que amenizarán o Nadal coas súas panxoliñas.

 

Esta semana o Concello de Mos presentou a programación cultural natalicia deste ano anunciando a gran novidade de contar coa presenza das Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente o día 5 de xaneiro no Pazo de Mos. Os Reis estarán durante todo o día no Pazo, desde as 12.00 horas da mañá ata as 20.00 horas da tarde, e todos os nenos e nenas mosenses que así o desexen poderán visitalos, saudalos e incluso fotografarse con eles, sempre respectando todas as medidas de seguridade, distancia social, etc. O evento organizarase seguindo escrupulosamente os protocolos de prevención respecto da COVID-19, ao igual que en todos os demais actos organizados dentro do programa de Nadal.

Tamén está en marcha o tradicional concurso infantil de postais de Nadal para nenos/as de 3 a 12 anos de idade, que poderán entregar as súas creacións na Biblioteca Municipal ata o vindeiro 22 de decembro en horario de 10 a 21 horas de luns a venres. A exposición dos exemplares presentados a concurso farase na Biblioteca do 28 de decembro ao 5 de xaneiro.

Outro clásico é o Belén Solidario do Pazo de Mos, punto de recollida de alimentos para a campaña Mos Axuda no Nadal, e que pode ser visitado de luns a venres de 17 a 21 horas e sábados, domingos e festivos de 10 a 13 horas.

Onte sábado 12 de decembro foi día de cine e teatro. Cine no Centro Dotacional de Torroso con dous pases de ‘O que Arde’ de Oliver Laxe ás 18 e ás 20.30 horas e no Pazo de Mos ás 19 horas co filme ‘Arima’. O teatro tivo lugar no Multiusos das Pozas e o pase da obra infantil ‘Minia convídate a xogar’ celebrouse ás 18.30 horas.

Hoxe, domingo 13, predominará o teatro: infantil pola mañá cos Bolechas ás 12.30 horas no Multiusos das Pozas e de humor pola tarde co ‘Baúl da Tía Tola’ ás 18.00 horas no Pazo de Mos.

O venres 18 de decembro será máxico grazas á actuación do Mago Teto ás 17 horas no Pazo de Mos. E o sábado 19 voltará o cine galego a Mos co título ‘A Illa das Mentiras’ ás 19 horas, tamén no Pazo de Mos.

O domingo día 20 terá lugar o Concerto Cantando á Nosa Terra nos exteriores do Centro Dotacional de Torroso ás 16.30 horas e logo, ás 18 horas, de novo cine galego, esta vez documental, coa proxección de ‘Vértice de Versos’ no Pazo de Mos.

O sábado 26 de decembro o cine galego será tamén para nenos/as coa película infantil ‘A Galiña Turuleca’ ás 16.30 horas no Pazo de Mos. Tamén se proxectará a película ‘Reboiras’ ás 18.30 horas igualmente no Pazo.

Os grupos de Mos protagonizarán o Festival Folk SOMOS NADAL o domingo 27 de decembro ás 18 horas no Centro Dotacional de Torroso. E o domingo 3 de xaneiro celebrarase un concerto para familias tamén ás 18 horas e tamén no Centro Dotacional de Torroso.

Por último, a exposición ‘Identidades Latentes’ estará aberta no Pazo de Mos do 19 de decembro ao 15 de xaneiro.

Todas as persoas interesadas en participar en calquera destas actividades deberán reservar previamente a súa entrada chamando o teléfono 986 33 12 00 para así poder garantir o correcto cumprimento dos protocolos anti COVID-19.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad