Redacción 10/12/2020

Premios COGAMI 2020 Rede Museística Provincial de Lugo, a empresa viguesa DLS VIA GALICIA- Routvigo SL e Manuel Barreiro: Premios COGAMI 2020

Estes galardóns, de carácter bianual, son un recoñecemento do traballo desenvolvido pola sociedade civil e as diferentes institucións en beneficio da plena inclusión das persoas con discapacidade.

Este ano, por motivos de seguridade ante o COVID-19, os galardóns foron entregados en presenza dun aforo reducido.

A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) fixo entrega dos Premios COGAMI 2020, uns recoñecementos que creou a entidade para agasallar a aquelas institucións, empresas e persoas que traballan a favor da inclusión do grupo social das persoas con discapacidade, por involucrarse na creación dunha sociedade máis xusta. 

Nesta edición, os premios foron entregados nas instalacións do CEGADI en Santiago de Compostela, ante un reducido aforo, co fin de garantir as medidas de seguridade ante o COVID-19. 

O Premio Iniciativa Institucional, que recoñece o apoio prestado polas entidades públicas e privadas ás persoas con discapacidade, recaeu na Rede Museística Provincial de Lugo, pola traxectoria de colaboración que ascende a quince anos, onde a Rede busca a participación activa das persoas usuarias de COGAMI para o desenvolvemento de actividades; por ceder espazos que propician a exposición de obras realizadas a través de programas europeos como Artability e ARTS no centro de recursos que COGAMI ten en Fingoi e tamén por organizar obradoiros, recentemente recoñecidos por MUSACCES co premio ‘Boas prácticas en museos e centros de arte’, por ser unha iniciativa pioneira que aplica estratexias de museoloxía social, deseño universal e accesibilidade para todas as persoas á contorna dos museos e centros de arte. 

O premio entregado polo presidente da Federación de COGAMI en Lugo, José Luis Lolo Celeiro, e foi recollido pola xerente da Redes Museística, Encarna Lado, quen agradeceu este recoñecemento e “vouno poñer moi visible, para que todos os museos do mundo entendan que se non se traballa pola igualdade e a inclusión, non é un museo”, expresou Encarna ao recoller o premio.

O Premio ao labor empresarial, que recoñece a aquelas empresas que integran laboralmente a persoas con discapacidade, foi outorgado é empresa DLS VIA GALICIA- Routvigo SL, por ser exemplo de empresa inclusiva, que ofrece oportunidades a persoas con discapacidade. 

O primeiro contacto de DLS VIA GALICIA- Routvigo SL con servizo de emprego de COGAMI foi en 2009 e dende entón, conta con persoal laboral que sae das nosas bolsas de emprego. Coa entrega deste galardón, o xurado destaca o sentido desta empresa viguesa pola implicación e inclusión das persoas con discapacidade na empresa ordinaria. Ademais de ceder os seus espazos e tempo para alumnas e alumnos en prácticas que se forman en COGAMI, aposta polas persoas e cre nas súas capacidades. 

O premio foi entregado pola vicepresidenta segunda de COGAMI, Mónica Álvarez San Primitivo, e recolleuno o administrador da empresa, Juan José Presa, quen expresou “Somos unha peme que levamos anos traballando co servizo de emprego de COGAMI en Vigo e aínda hoxe temos traballadores que nos derivou e seguen traballando con nós”. 

O Premio “Domingos Dosil” á traxectoria persoal 2020, recaeu no presidente da asociación AGORA de Monforte de Lemos, Manuel Barreiro Conde, un galardón que  recoñece o labor daquelas persoas que de xeito individual e desinteresado traballan por un mundo máis inclusivo, ademais de honrar a memoria do fundador de COGAMI. 

O xurado acordou outorgar este galardón a Manuel Barreiro por ser un referente na comarca monfortina pola súa dedicación e traballo na mellora da calidade de vida das persoas con discapacidade. Foi precursor na zona da creación de iniciativas empresariais sen ánimo de lucro e apostou polo centro ocupacional AGORA e por vivendas tuteladas para aquelas persoas que viven en rural máis afastado e con escasa comunicación. 

Tras recoller este premio, Manuel Barreiro expresou “o seu agradecemento por este premio e que seguiremos traballando para conseguir o benestar das persoas con discapacidade”. 

O presidente de COGAM, Anxo Queiruga Vila, fixo entrega deste galardón a Manuel Barreiro, quen aproveitou para pechar o acto cunhas palabras que expresaron o agradecemento de COGAMI a todas as persoas premiadas por “construír unha sociedade inclusiva, na que se teña en conta a todas as persoas, é un traballo de todas e todos e vós, premiados, sodes un exemplo. Parabéns!”, en palabras de Queiruga. 

Membros do xurado

Estes premiados foron seleccionados por un xurado que estivo formado por Anxo Queiruga Vila, en calidade de presidente do xurado e presidente de COGAMI; Celso Alvarez Pérez, membro da Xunta Directiva de COGAMI, Silvestre Couto Torrado, Secretario da Asociación Integro da Costa da Morte; Jesús Julián Durán Pazo, usuario do Servizo de Promoción da Autonomía Persoal de COGAMI e Víctor Silva Suárez, Secretario de COGAMI. 

Premios COGAMI en edicións anteriores

Os Premios COGAMI nacen no ano 2010 anos co fin de premiar a aqueles organismos, institucións, empresas e persoas que colaboran coa Organización na inclusión do grupo social das persoas con discapacidade.

En anos anteriores, recibiron estes galardóns

Como recoñecementos honoríficos a Xunta de Galicia e Domingos Dosil, impulsor e primeiros presidente de COGAMI.

Iniciativa institucional: Concellos de Santiago de Compostela, Allariz e Pontevedra; Programa Convivir en Igualdade da Radio Galega; Deputación de Lugo; Obra Social “la Caixa”.

Labor empresarial: Textil Lonia; Pizzería Bocalino; Loida Imaxe Contemporánea; Fundación Vodafone; Lidl Supermercados; Grupo Ruta Jacobea.

Traxectoria persoal: Carmen Díaz Bacariza; José Rey Aneiros; María Carreira Rodríguez; José Antonio Vázquez Freire; Juan Ramón Salido Rodríguez; Manuel Novoa Pérez.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad