Redacción 10/12/2020

Os niveis de dióxido de nitróxeno (NO2) nas dúas principais cidades galegas diminuíron o 52,5 % durante o primeiro estado de alarma con respecto aos valores medios da década anterior. Este descenso baixou ao 43,5 % en verán (21 de xuño a 31 de agosto) e ao 36,5 % durante o outono (setembro e outubro), o que apunta unha tendencia á recuperación dos niveis de contaminación urbana coa volta á actividade económica habitual. O informe de Ecoloxistas en Acción ‘Efectos da crise da COVID-19 sobre a calidade do aire urbano en España’, elaborado a partir de medicións oficiais nas 26 principais cidades (entre elas A Coruña e Vigo) conclúe que a redución drástica do tráfico provocou unha mellora sen precedentes da calidade do aire nas cidades galegas e españolas, moi por debaixo dos límites legais e as recomendacións da OMS.

 

En primeiro lugar, Ecoloxistas en Acción Galiza solidarízase con todas as persoas que están a sufrir a pandemia e as súas consecuencias, así como cos servizos públicos esenciais que están a enfrontar a emerxencia sanitaria e social.

O informe elaborado por Ecoloxistas en Acción, no que respecta ao noso país, analiza os datos oficiais de dióxido de nitróxeno (NO2) recollidos nas estacións urbanas de medición da calidade do aire existentes nas cidades da Coruña (4) e Vigo (2) entre marzo e outubro de 2020 e dos dez anos anteriores. Amosa, xa que logo, o efecto do confinamento na calidade do aire urbano, e a evolución desta ao longo das diferentes fases da desescalada e a “nova normalidade”.

Entre as súas principais conclusións salientan:

  • Os niveis de contaminación atmosférica por NO2 nas dúas maiores cidades galegas baixaron o 47,5 % entre marzo e outubro de 2020, en comparación coa media dos meses equivalentes na década anterior (2010 a 2019). A  baixada foi case a mesma: -47 % na Coruña e -48 % en Vigo. O descenso medio en todas as cidades españolas estudadas foi do 38 %, situándose as cidades da Coruña e Vigo entre aquelas nas que se rexistraron maiores caídas.
  • Após a declaración do primeiro estado de alarma, o 14 de marzo, produciuse unha redución drástica dos niveis de contaminación atmosférica por NO2 nas dúas principais cidades galegas. O descenso entre o 14 de marzo e o  20 de xuño atinxiu o 52,5 % con respecto ao mesmo período da última década, sendo practicamente o mesmo na Coruña (-52 %) e en Vigo (-53 %).
  • Os niveis de NO2 rexistrados durante o primeiro estado de alarma son os máis baixos para os meses de marzo, abril, maio e xuño da última década en todas as cidades españolas analizadas. Mantéñense ademais moi por debaixo do valor límite legal, mesmo nas estacións orientadas ao tráfico onde se superan estes limiares con frecuencia.
  • Co remate do primeiro estado de alarma comezou a repuntar a contaminación do aire urbano nas dúas maiores cidades galegas. Así, durante o verán a baixada foi nove puntos menor, sendo novamente moi similar na Coruña (-44 %) e en Vigo (-43 %).
  • A redución total da contaminación en setembro e outubro é do 36,5 % a respecto da década anterior, mais neste período si se observan diferenzas importantes nas dúas cidades galegas analizadas. Mentres que na Coruña a diminución foi do 42 %, só dous puntos inferior á do verán, en Vigo baixou até o 31 %, 12 puntos menos que no verán. Polo tanto, a tendencia ao aumento da contaminación está a ser maior en Vigo que na Coruña.
  • O dióxido de nitróxeno (NO2) é o contaminante típico emitido polos tubos de escape dos automóbeis (ademais de polas caldeiras industriais e domésticas), polo que a súa evolución está directamente ligada ás emisións do tráfico motorizado. É esta a súa principal fonte nas cidades e o principal factor que inflúe na calidade do aire urbano.
  • O NO2 é un gas irritante que agrava as doenzas respiratorias e mingua a resistencia ás infeccións. Ademais estímase que cada ano causa arredor de 6.000 mortes prematuras no Estado español,  segundo o Instituto de Saúde Carlos III e a Axencia Europea de Medio Ambiente (datos do último ano dispoñíbel, 2018).
  • A crise da COVID-19 demostra que a diminución estrutural do tráfico motorizado e as mudanzas nas pautas de mobilidade son a mellor ferramenta para rebaixarmos a contaminación do aire nas cidades.

O final do período máis agudo da crise non debería conducir a unha volta aos excesivos niveis de tráfico automobilístico previos á crise da COVID-19. Para non regresarmos axiña a padróns de mobilidade urbana altamente insustentábeis e nocivos para a nosa saúde, cómpre potenciar de xeito moito máis decidido a mobilidade peonil e ciclista e o transporte colectivo, así como implantar zonas de baixas emisións extensas e ambiciosas que restrinxan a circulación do automóbil privado. Asemade, é aconsellábel favorecer boas prácticas que contribúen a reducir a mobilidade motorizada, como a compra de proximidade ou o teletraballo voluntario.

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad