O 9 de decembro, os grupos da oposición no Pleno municipal de Mos, BNG, PSdeG e GañaMós, anunciaron o acordo de convocatoria dun pleno extraordinario no que solicitarán a demisión da alcaldesa tralo recente arquivo da acusacións desta e do Concello contra veciños do municipio en relación ao asunto dos recibos falsos de agua. A alcaldesa Nidia Arévalo reacciona insistindo na intención de continuar coa batalla legal e lanzando duras críticas contra a oposición.
A alcaldesa entende que a decisión xudicial certifica os acontecimentos e acusa á direción da Comunidade de Montes de Tameiga. Segundo Arévalo, membros daquela prepararon o envío de centenas de recibos falsos dirixidos ás casas dos mosenses co obxectivo de perxudicala políticamente pouco tempo antes das eleccións. No comunicado, a alcaldesa fai explícitos os nomes daquelas persoas ás que acusa de ter cometido os feitos, apesar do arquivo da causa, mais non serán reproducidos neste xornal para protexer os seus dereitos ao honor e privacidade.
No comunicado, a alcaldesa mostra a súa sorpresa e vergoña polas críticas da oposición sobre a maneira en que está sendo xestionado este asunto. Asegura que debaterá no pleno extraordinario anunciado, continuará coas actuacións xudiciais para “que se faga xustiza e non quede impune unha falsificación” realizada coa finalidade de atacala políticamente.