Trátase do PACES, unha memoria anual do consumo enerxético, en base a cuxos resultados será elaborado o plan de medidas para reducir nun 40% as emisións de CO2 e de tódolos gases de efecto invernadoiro.
A elaboración da memoria está relacionada co Pacto asinado polos Alcaldes polo Clima e a Enerxía, que se trata dunha iniciativa impulsada hai máis dunha década a nivel europeo para implicar tamén ás administracións locais na loita contra o cambio climático. Trátase polo tanto dun documento chave no que o Pacto dos Alcaldes expón como pensa lograr os compromisos asumidos; define as medidas de mitigación e adaptación deseñadas para lograr os obxectivos, xunto co calendario e as responsabilidades asignadas.
Fai un ano que o Concello de Mos aprobaba tamén por unanimidade en Pleno a adhesión ao Pacto e, desde entón, púxose en marcha a redacción do proxecto mosense: a folla de ruta a seguir nos próximos anos respecto do Pacto. Agora, unha vez aprobado por unanimidade polo Pleno da Corporación Municipal o pasado luns, pasará a ser rexistrado telemáticamente, no sitio web da Oficina do Pacto da Unión Europea, segundo os procedementos establecidos pola propia oficina.
O Concello debía entregar o PACES antes do mes de decembro, tras aprobalo en pleno municipal. Este documento é a memoria enerxética do Concello onde se realiza un analisis do consumo en luz pública, os dificios municipais, gasóleos e gasolina, calefacción, aire acondicionado, etc., e trázase un plan para reducir as emisións de efecto invernadoiro, o obxectivo é entre o 2020 e o 2030 reducilas nun 40% para cumprir co Pacto de Alcaldes polo clima e a enerxia.
Crearase unha comisión anual de seguimento do pacto co obxectivo de que o seu alcance se extenda máis alá da presente lexislatura. A partir de 2021, o Concello de Mos será obxecto dunha auditoría cada dous anos, na que se controle que a redución das emisións cumpre os parámetros establecidos. O cumprimento dos mesmos implicará beneficios para a administración local mosense, tales como prioridade e facilidades á hora de solicitar e recibir subvencións.