A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller mostra a súa repulsa, a súa dor e a súa impotencia e pide reforzar os CIM con máis medios persoais e materiais
Este mércores unha veciña da parroquia de Mañufe, en Gondomar, foi asasinada polo seu marido que, posteriormente, intentou quitarse a vida. Con ela, xa son tres as mulleres vítimas mortais a causa da violencia de xénero na comunidade galega no que levamos de 2020, tralos crimes machistas rexistrados a principios de ano na Pastoriza e en Lugo.
A Asociación de Profesionais dos Centros de Información á Muller de Galicia -ASOCIM- mostra a súa repulsa polo ocorrido e traslada o seu pesar por este novo asasinato machista co que ascenden a 42 as mulleres asasinadas polas súas parellas ou exparellas este ano, 1.075 desde que existen rexistros, ano 2003.
ASOCIM pon o foco na necesidade de contar con Centros de Información á Muller fortes que permitan atender dignamente ás vítimas de violencia machista con todas as garantías. Nesta liña, leva tempo denunciando a falta de persoal nos CIM e a necesidade de máis perfís profesionais para xestionar en condicións óptimas o horario de atención de cada centro segundo as súas especificidades, tendo en conta a súa localización e se se ocupan de asistir a varios municipios de forma conxunta e/ou a zonas moi poboadas.
Ante este novo caso de violencia de xénero, a entidade fai unha chamada á responsabilidade dos medios da comunicación para que cumpran coas indicacións da Declaración de Compostela no tratamento informativo, fuxindo do sensacionalismo á hora de informar das mulleres asasinadas en crimes machistas e respectando e protexendo a súa intimidade e a dos seus fillos@s menores se fora o caso.
Os Centros de Información á Muller son un conxunto de recursos das entidades locais desde os que se artella unha intervención global dirixida ás mulleres e que proporcionan asesoramento xurídico, atención psicolóxica, orientación profesional e sociolaboral, así como calquera outra información encamiñada á
consecución da igualdade efectiva entre mulleres e homes. Desde a súa constitución en 2015, ASOCIM traballa na promoción do recoñecemento social d@s profesionais dos CIM e da igualdade de dereitos e oportunidades entre homes e mulleres como garantía dos dereitos humanos.