Redacción 02/12/2020

Un total de 41 alumnos contactan de forma mensual cos maiores de Afaga e a través das cartas vanse coñecendo e construíndo lazos. Esta actividade permite traballar aspectos tan importantes como a empatía, o cariño, o respecto, convertíndose nunha experiencia inesquecíbel para nenos e maiores.

 

Representantes do Concello, incluida a propia alcaldesa Nidia Arévalo, visitaron onte CEIP de Atín Mos, para facer entrega dunha caixa de correo co obxectivo de “darlle visibilidade ao proxecto ‘Atinando Recordos’”.

Neste acto estivo presentes por parte de AFAGA Alzheimer, o seu presidente, Juan Carlos Rodríguez, e a coordinadora do Centro de Día de Mos e deste proxecto Diana Rodríguez. Por parte do Centro Educativo estiveron acompañando aos cativos na recepción das cartas o director, Armindo Lorenzo e as mestras de 5º e 6º  de primaria responsables de este proxecto Joana e Fani.

Esta iniciativa ten dous obxectivos principais: fomentar a estimulación cognitiva das persoas que teñen alzhéimer ou outra demencia e estreitar lazos de unión entre nenos e maiores, fomentando valores como o respecto e o agarimo cara aos avós e avoas. Os usuarios e usuarias que participan neste proxecto son as persoas que reciben estimulación nos centros de AFAGA. Cada maior ten asignado un alumno ou alumna do colexio Atín –Cela Mos, e entre eles se cartean, é dicir, sempre é o mesmo neno que escribe a un mesmo avó e viceversa. Desta forma hai continuidade nas historias e mellores resultados a nivel terapéutico.

Diana Rodríguez, traballadora social de Afaga e coordinadora do proxecto, explica que “a través das cartas, os maiores esfórzanse por atopar na súa memoria eses recordos pasados, esas anécdotas, os xogos, as tradicións, para poder contarllas ao seu alumno ou alumna. Así traballan a memoria e sérvelles de estimulación cognitiva e funcional, xa que son eles mesmos quen escribe as cartas a man”.

Pola súa banda, Joana Pereiro, profesora de quinto de Primaria e responsable do proxecto por parte do CEIP, sinala que a finalidade é “poñer en valor aos nosos maiores, facendo que os alumnos se interesen por coñecer o seu pasado achegándoos así ás nosas tradicións. Os nenos poderán aprender como xogaban antigamente, como era o ensino, as festas, mesmo o seu propio pobo. Cremos que é importante unir a estas dúas xeracións, e xa que o momento actual obrigounos a distanciarnos fisicamente, isto é unha forma de poder achegalos. Ademais, con este proxecto poñemos en marcha un costume cada vez máis en desuso, comunicarse por carta, a emoción de escribilas e recibilas”.

Os nenos e nenas mostráronse moi emocionados ao recibir a carta de hoxe, que esperaban con moitísimo entusiasmo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad