O Concello porriñés conmemora este día coa iluminación da Casa Consistorial de cor verde onde xa colga no balcón a pancarta conmemorativa feita por alumnos de ACEESCA
O Concello do Porriño luce, dende hoxe unha lona realizada polas persoas usuarias de ACEESCA coa ocasión de conmemorarse o 3 de decembro o Día das Persoas con Discapacidade. Con este motivo, mañá iluminarase a fachada do concello en verde.
Neste ano 2020, o lema do Día das Persoas con Discapacidade é “Un día para todos” porque, segundo reza unha declaración institucional do Concello, “a discapacidade forma parte da condición humana, xa que todas as persoas, nalgún momento da nosa vida, podemos experimentar unha discapacidade temporal ou permanente; e a sociedade ten que estar preparada para iso”.
“As persoas con discapacidade son a minoría máis grande do mundo e adoitan ter máis dificultades que outros grupos a todos os niveis, especialmente no acceso á educación, ao mercado laboral e ás dificultades económicas”, engade a declaración municipal.
“E isto débese á falta de recursos que lles faciliten a vida, como o acceso ao transporte ou o acceso á información, en caso de discapacidade sensorial. Todo isto, xunto coa discriminación social que ás veces existe na súa contorna e a falta dunha lexislación adecuada, dificultan a vida das persoas con discapacidade. Amais, as persoas con discapacidade son máis vulnerables á violencia. As nenas e nonos con discapacidade son 4 veces máis propensas a ser vítimas de violencia, do mesmo xeito que as persoas adultas con problemas mentais”, conclúe a declaración institucional.