Redacción 30/11/2020

Entre as sancións máis habituais atópanse non usar a máscara no vehículo con non convivintes, non respetar os confinamentos perimetrais ou fumar sen manter os 2 m de distancia

 

Cerca dun centenar de denuncias se levan realizado no municipio de Salceda de Caselas por incumprimentos derivados das restricións vinculadas á COVID 19, denuncias interpostas polos diferentes corpos de seguridade do Estado. As infraccións detectadas e denunciadas refírense fundamentalmente á obrigatoriedade de usar máscara protectora, á prohibición de consumir tabaco se non se pode garantir unha distancia de seguridade de 2 metros, ao cumprimento do toque de recollere ás limitacións de mobilidade derivadas dos confinamentos perimetrais existentes en numerosos municipios da contorna.

A vixianza policial tense reforzado nas últimas semanas, para evitar o efecto chamada que se ten detectado no municipio de Salceda por ser o único, xunto con Salvaterra, sen restricións perimetrais na zona e, polo tanto, por ser o único que mantén a hostalería en funcionamento. 

A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, manifestou esta inquietude na Xunta de seguridade local celebrada fai uns días de xeito telemático, e as diferentes forzas de seguridade coincidiron na necesidade de incrementar a vixianza na zona, conscientes de que, se cabe, é aínda máis importante a vixianza nos municipios sen restricións que naqueles que si as teñen.

Con este incremento da vixianza preténdese protexer a veciñanza de Salceda e que a vila poida seguir sen restricións o máximo tempo posible. Por este motivo se están a realizar controis habituais nas diferentes entradas da vila, onde se teñen detectado numerosos incumprimentos, pois son moitas as persoas que intentan achegarse a Salceda dende municipios confinados. Outra das infraccións máis habituais está a ser a de non empregar máscara protectora nos vehículos cando se comparten con persoas non conviventes.

A concelleira de Seguridade, Lucía Pereira, agradeceu a implicación das diferentes forzas de seguridade, así como a boa relación que se mantén dende o Concello co cuartel da Guardia Civil de O Porriño, que permite un traballo coordinado coa Policía Local e un intercambio continuo de información para unha maior seguridade da poboación.

A rexidora salcedense apelou á responsabilidade da veciñanza, pois “estamos nunha situación privilexiada que nos permite seguir a manter os nosos principais sectores económicos en funcionamento e queremos que siga a ser así, polo que nos toca extremar as precaucións e realizar un esforzo entre todos e todas”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad