Nestas datas cúmprese o aniversario da colocación da primeira pedra da cidade deportiva e macroproxecto comercial do Celta e o goberno local en Mos. A veciñanza organizada, a través da Comunidade de Montes, realiza unha nova acción de protesta e rexeitamento ao proxecto e lembran que aínda están por resolver importantes dúbidas legais a respecto do mesmo.
Hoxe, cando se celebra o acto inaugural das instalacións en Pereiras, a veciñanza e mancomunidade de Tameiga está na súas casas respectando as restricións impostas pola situación de pandemia e non poderán achegarse á Cidade Deportiva para defender o seu monte, como os centos de veciños e veciñas mobilizados o ano pasado por estas datas. Dadas estas circunstancias, os veciños decidiron deixar claro o seu rexeitamento mediante unhas faixas colocadas na entrada das controvertidas e denunciadas instalacións.
Segundo denuncian, “este acto dos promotores do pelotazo urbanístico nos montes comunais de Tameiga non inagura nada”, pois as obras aínda están sen rematar e fican por resolver múltiples denuncias que cuestionan a súa legalidade. Os comuneiros sinalan o fin únicamente propagandístico deste acto, que pretende presentar o proxecto “como un feito consumado” para acalar as protestas dos veciños. Estes, porén, non tendo nada en contra dos dous campos de fútbol, sospeitan que o plan é “un cabalo de Troia” que permitirá expropiar e recalificar o resto do monte. Lembran que o impacto ambiental do “despropósito urbanístico” abrangue case un millón de metros cadrados de solo rústico de especial protección.