Doada pola Escola de Cantería de Pontevedra á Comunidade de Montes de Mos, esta peza pon en valor dous oficios tradicionais: o da costura que representa a peza escultórica, e o da cantería coa que se esculpiu a devandita peza.
Os xardíns da contorna do Pazo de Mos, recentemente galardoada coa Q de Calidade, foron esceario esta mañá do acto de presentación da escultura dunha costureira, instalada no lugar tras ser doada pola Escola Provincial de Canteiros á Comunidade de Montes de Mos.
No acto estiveron presentes representantes da Comunidade de Montes de Mos, do Concello, da deputación e da Fundación pazo de Mos. Esta nova escultura na contorna do Pazo instálase co fin de difundir o patrimonio histórico-artístico galego e mosense e poñelo en valor. A peza de granito, elaborada polo alumno da Escola de Cantería, Jonathan Mariñas García.
O traballo de Jonathan Mariñas pon en valor o gran traballo que tanto el como o resto das mozas e mozos compañeiros seus desenvolven neste centro de formación. A escultura da costureira ensalza a cultura e a idiosincrasia galega e mosense, xa que foi un oficio desempeñado por moitas mulleres mosenses ao longo da historia. Ademais de achegarlle a arte do traballo en pedra ás xeracións máis novas, para que poidan descubrir este oficio tradicional.
A costureira instalada xunto ao Pazo de Mos forma parte da exposición escultórica “D’ Pedra” (formada por 16 pezas de granito feitas polo alumnado da Escola de Cantería, e que na maior parte dos casos representan oficios, animais, sentimentos ou escenas da vida cotiá) e, como se dixo, foi realizada por un dos alumnos/as da Escola de Cantería da Deputación de Pontevedra.
A Escola de Cantería naceu no ano 1979 coa finalidade de poñer en valor un dos oficios máis antigos de Galicia e, ao longo da súa traxectoria, numerosos mestres e mestras canteiros formados na Escola teñen deixado a súa pegada no patrimonio arquitectónico de Galicia e diversos lugares do mundo. En Mos atópanse instaladas 4 pezas da Escola de Canteiros: esta costureira, o homenaxe á emigración en Peinador, as leiteiras en Dornelas e a réplica da fonte orixinal nos exteriores do Pazo de Mos, moi preto de onde agora se atopa instalada a costureira.