A pesares do parón da actividade o Concello de Salceda asina convenios con clubes deportivos, centros educativos ou asociacións culturais e veciñais da vila
A Alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, ven de asinar os convenios por máis de 92.000 € que benefician a 25 entidades do municipio: culturais, deportivas, sociais e centros escolares. No acto de sinatura, que se celebrou no Auditorio Municipal seguindo os protocolos COVID, a alcaldesa estivo acompañada dos concelleiros de Cultura e Deportes, Alex Rodríguez e Rubén González, respectivamente.
O Concello destina un total de 92.051,40 € para estes colectivos, asinando convenios cos centros culturais (900 €), os coros (700 €), as asociacións de veciños (400 €), os entroidos de Barreiro e Feira (1.600 €), a Asociación de Amigos e Amigas da Música de Salceda (22.000 €), o CEP Altamira (1.200 €), o IES Pedras Rubias (2.400 €) e a Asociación de Xubilados e Pensionistas (3.000 €). No eido deportivo, 22.551,40 € son para as Escolas Deportivas, 18.000 € para o Caselas C. F., 4.550 € para os Clubes de Balonmán e Baloncesto e 400 € para o Club Ciclista Aragonta.
As subvencións de maior importe son as que reciben a Asociación de Amigos e Amigas da Música, que engloba a Escola de Música de Salceda así como a Banda de Música, movendo en total máis de 400 persoas de todas as idades, e as Escolas Deportivas, con preto de 500 participantes. Considérase tamén fundamental o apoio ás actividades dos centros escolares públicos, que a pesares de non estar dentro das competencias dos Concellos, reciben tamén unha aportación municipal.
O Concello colabora ademáis durante todo o ano coas diferentes asociacións co préstamo de material, donación de libros para as súas bibliotecas, asesoramento e información nos trámites con outras administracións…
Os convenios supoñen un importante esforzo financieiro que o Concello asume consciente de que, na maioría dos casos, supón a supervivencia de moitas entidades que doutro xeito non terían capacidade de saír adiante. A pesar de ser un ano no que moitas destas entidades tiveron que paralizar as actividades, o equipo de goberno quere deste xeito, dar resposta a uns compromisos económicos que axudarán a sufragar uns gastos que, en moitos casos, xa estaban realizados antes do inicio da pandemia e que polo parón de actividades, deixa a estas entidades nunha difícil situación que verase en parte atenuada grazas ao apoio municipal.
A alcaldesa de Salceda, Loli Castiñeira, explicou que “o Concello de Salceda sempre fixo unha firme aposta pola cultura, o deporte e o asociacionismo en xeral, e nestes intres difíciles non vai ser doutro xeito. A sociedade salcedense, e nomeadamente o tecido asociativo, está a ser exemplo de solidariedade e responsabilidade, polo que dende o Concello queremos manter o noso apoio tanto económico, como naqueles outros aspectos nos que poidamos ser de axuda”.