Redacción 21/11/2020

Agás o manifesto na Praza do Concello, a programación mosense do Día contra a Violencia de Xénero será fundamentalmente virtual e cun toque moi colorido: o municipio tinguirase de morado con globos en todas as fachadas.

 

O Concellode Mos presentou onte a programación municipal conmemorativa do 25N, Día Internacional contra a Violencia de Xénero, (enmarcada na campaña municipal co lema ‘Que a mascarilla non te cale’ [sic]), que se celebra o vindeiro mércores e que este ano está condicionada pola nova normalidade e as circunstancias marcadas pola crise sanitaria da COVID-19.

Ante a recomendación de non celebrar actividades presenciais, evítanse os actos con público e no seu lugar organizouse unha iniciativa visual: a idea é tinguir de cor violeta ou morado, a cor conmemorativa do 25N, o Concello, para o cal estanse repartindo globos desa cor para que todo o mundo decore as súas fachadas. O reparto está a facerse entre estudantes dos colexios para que os coloquen nas súas casas, farmacias, comercios, outros negocios locais, edificios públicos municipais, zonas comerciais e urbanas, Escola Municipal de Música, campos de fútbol, etc.

Ademais comezaron esta semana nos Colexios de Mos charlas sobre igualdade. E o día 25 proxectarase en redes sociais a curta documental elaborada a raíz do curso ‘Namórate de ti’ e que versa sobre todo o proceso que implicou a realización deste curso por parte das 12 mulleres participantes. Esta curta documental, de entre 8 e 10 minutos de duración, foi grabada tamén por dúas mulleres.

Comezouse a rodar ao inicio do curso e aborda todo o procedemento de como lles cambia a perspectiva ás mulleres participantes tras haber levado a cabo esta acción formativa. A estrea do documental será, como se dixo, feita con motivo do Día Internacional contra a Violencia de Xénero. O curso constou de sesións grupais nas que as participantes compartiron unhas vivenzas enriquecedoras a través da cohesión grupal e a autoobservación.

Tratouse dun curso destinado a mulleres desempregadas, ou que precisaban voltar a confiar en si mesmas, vítimas de violencia de xénero, en perigo de exclusión social, etc. Os obxectivos: mellorar a calidade de vida das mulleres a través dos obradoiros e potenciar as súas cualidades e capacidades. O obradoiro foi impartido por Tegra Gómez e Patricia Maquieira.

Pola súa banda a exposición ‘Namórate de ti’ permanecerá aberta ao público ata o vindeiro 30 de novembro no Pazo de Mos. Trátase dunha mostra fotográfica baseada no curso de autoestima e empoderamento a través da fotografía impartido a 12 mulleres.

Por  último, non podía faltar nun Día contra a Violencia de Xénero, o tradicional e necesario manifesto. O propio 25N ás 12.00 horas na Praza do Concello farase lectura do manifesto oficial do Concello de Mos con motivo do Día Internacional Contra a Violencia de Xénero.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad