A Organización Xuvenil do Bloque Nacionalista Galego realizou este venres unha acción fronte ao IES Santa Irene demandando un protocolo de ventilación cara ao inverno que non supoña condicións precarias para as estudantes.
Galiza Nova, a organización Xuvenil do BNG, realiozou unha acción simbólica demandando unha solución a ter que garantir a ventilación nas aulas durante o inverno. A acción consistiu na colocación de tres pancartas co lema “Que non conxelen as nosas ideas” así como permanecer en cadeiras cubertos e cubertas con mantas, representando a situación que se podería dar nas aulas no inverno.
Dende as mocidades nacionalistas entenden que “o desleixo das institucións polo ensino público levounos a ter aulas masificadas e sen distanciamentos” e denuncian que este tipo de situacións “son acrecentadas pola situación de pandemia”.
“Reivindicamos un protocolo realista ás baixas temperaturas de cara ao inverno e as medidas de ventilación”, comunicaron dende Galiza Nova ao estudantado congregado ás portas do centro de ensino. Por esta razón, dende o nacionalismo xuvenil acusan á Xunta de Galiza e a Nuñez Feijóo de “ser incapaces de anticiparse ás posibeis adversidades que poidan xurdir”, así mesmo lembran que existen alternativas como os “filtros EPA avalados polo propio CSIC”.