Redacción 20/11/2020

A Deputación envórcase co 25N cunha extensa programación que chama a sumarse á  “Emerxencia feminista” e posicionarse contra ás violencias machistas

Carmela Silva anunciou que “xa non faremos máis minutos de silencio, queremos berros. Que saiban os machistas, os maltratadores e os asasinos de mulleres que os desprezamos profundamente”

A VI edición de “Violencia Zero” arranca os días 25 e 26 en Pontevedra e Vigo, con 25 accións que chegarán a todas as comarcas “para tomar conciencia desde o espazo público”  

“Non imos facer máis minutos de silencio. Estamos fartas do silencio. Nós imos berrar alto e claro e non imos parar ata rematar con algo tan intolerable como o maltrato que sufrimos as mulleres. Que saiban os machistas, os maltratadores e os asasinos de mulleres que os desprezamos profundamente”. Con estas palabras a presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, volveu hoxe a lanzar un berro contra a violencia machista no acto de presentación da extensa programación que a institución vai desenvolver ao abeiro da celebración do 25N. Todas as actividades englóbanse baixo o lema “Emerxencia Feminista. Posiciónate fronte ao machismo” que, como destacou, “é un berro de indignación” ante a situación das violencias machistas que no que vai de ano suma a arrepiante cifra de 41 asasinatos, 1.074 desde o 2003.

“Calar é estar ao lado do machismo –afirmou Silva_. Así que hai que posicionarse en contra, é  a única posición decente”. Silva lembrou que, a nivel mundial, nun só ano, 243 millóns de mulleres e nenas sufriron violencias machistas. ”Estamos cada día máis enfadadas e queremos que cada asasinato ocupe o lugar que merece para que toda a sociedade se poña en pé contra as violencias que padecemos, contra o machismo, o patriarcado e a negación dos dereitos das mulleres ”, reclamou. “Se no noso país foran 1.074 asasinatos por outro tipo de violencia sairía a xente á rúa a protestar masivamente. Pero son mulleres. As levan asasinando dende hai centos de anos. Son 1.074 asasinos produto da violencia machista . Iso é co que pretendemos rachar cada ano coas accións a prol da igualdade”.

A campaña provincial arrancou coa instalación de dúas grandes pancartas despregadas nas fachadas das sedes da institución provincial de Pontevedra e Vigo. No acto da súa colocación celebrado esta mañá no Pazo Provincial, participaron amais de Carmela Silva o vicepresidente César Mosquera e deputados e deputadas do Goberno provincial. Amais, ambos edificios da Deputación iluminaranse en cor violeta desde a noite deste xoves ata finais de novembro, “como unha chamada de atención fronte ao que está acontecendo”.

Trala colocación da pancarta, as Ruínas de San Domingos foron o “nobre” escenario escollido para dar a coñecer o resto da programación, que volve ter o proxecto “Mulleres en Acción. Violencia Zero” como estrela e “que chegará a todos os recunchos da provincia, aos centros educativos, ás prazas, aos espazos onde nos relacionamos, porque temos que educar e tomar conciencia e facelo no espazo público”. Precisamente, este acto contou coa actuación musical de Najla Shami, unha das artistas que vai participar e que, como destacou Carmela Silva, “pon voz e rostro a todas as mulleres da cultura que tanto aportan”. Neste senso, a presidenta indicou que ao termo do 2021 haberán sido 150 as protagonistas das accións de “Violencia Zero”. O lema nesta VI edición é “Emerxencia cultural, urxencia feminista” e contará de novo con 25 accións que se desenvolverán en 25 concellos de todas as comarcas a cargo de mulleres da cultura “que son o ariete fundamental para transformar, e poñen a súa creatividade para que algún día non teñamos que facer un 25N”. As dúas accións inaugurais serán performances e terán lugar o propio 25 de novembro na praza da Peregrina de Pontevedra, a cargo de Janet Novás, protagonista do cartel deste ano, e o día 26 no Museo Marco de Vigo con Mónica Aranegui.

As accións previstas tocan as distintas vertentes culturais e , deste xeito, desenvolveranse outras dúas performances (a cargo de Analía Beltrán e Janés, así como Twins Experimental, formado por Laura Ramírez & Ainhoa Hernández); dúas intervencións murais de gran formato, con Btoy (Andrea Michelsson) e Milu Correch; catro accións de danza contemporánea (con Clara Ferrao Diz, Yara Bombox, Xiana Vilas e Ruth Balvís), sete accións escénicas (Esther Carrodegúas, Sue Moreno, Paula Sanmartín, Laura Villaverde, Stephy Llayora, Arantxa Treus e Carmen Méndez) ; seis musicais con Najla Shami; High Paw; Xoana; Macarena Montesinos; María Villanueva e Nastasia Zürcher) e dúas accións poéticas, con Miriam Ferradáns e Xiana Arias. Amais de Pontevedra e  Vigo, as actividades desenvolveranse na Estrada, Cangas, Mos, Cuntis, As Neves, Arbo, Nigrán, Ponteareas, Redondela, Silleda, Caldas, Lalín, Bueu, Tomiño, Poio, Marín, A Illa de Arousa, Baiona, Salvaterra de Miño, Vilagarcía, Gondomar, Soutomaior, Vilaboa.

Carmela Silva indicou que este ano, a causa da pandemia da Covid, eliminouse a elaboración do catálogo en papel do programa, pero preparouse un catálogo dixital que recolle todas as actividades. E, como novidade, tres artistas plásticas e ilustradoras teñen deseñado máscaras de tea que se repartirán nos concellos onde se desenvolverán as accións: Laura Romero (ilustración artística); Gemma Marqués (pintura-acuarela) e Lara Lars (collage). Está prevista unha tirada limitada de 3.600 unidades, “aínda que seguro que imos ter que facer bastantes máis”. “Polo tanto na provincia moitas persoas terán esa máscara que será tamén un berro. Porque se pode falar sen dicir palabras, aínda que son fundamentais para transformar o mundo”

Accións no pleno

Doutra banda, no pleno ordinario que celebrará a corporación provincial no día 27 deste mes, a profesora Teresa Domínguez, mestra e ex directora do CRA Clara Torres de Tui que acaba de ser galardoado este 2020 co premio Escola do Ano da Fundación Princesa de Girona, lerá unha declaración da súa propia autoría ao abeiro do 25-N “que falará da importancia da educación nesta loita”. Na sesión tamén se repartirán postais coa imaxe do mural que a artista Nana realizou en Tui na actual  edición de “Violencia Zero” co título de “Queda na casa”. Este mural, como sinalou a presidenta ”amosaba a terrible situación que viviron as mulleres e crianzas maltratadas durante o confinamento”.

Así mesmo, a Deputación colaborará un ano máis coa campaña de sensibilización social “En Negro contra as Violencias”, na que participa desde o ano 2017 e colabora cada ano coa edición de distintos materiais que distribúen nos 25 concellos adheridos na provincia a esta iniciativa.  Máis polo miúdo, repartirase máis de 5.500 marcapáxinas e 5.000 carteis. 

 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad