Redacción 19/11/2020

Pola súa banda a asociación empresarial instou ao Concello na xuntanza desta mañá a relizar un control estricto dos furanchos.

 

O Concello de Mos reuniuse onte xunto con membros da Asociación de Hosteleiros Rías Baixas, entre os que se atopan catro hosteleiros mosenses, para abordar as novas medidas en trámite por parte do Concello de Mos para apoiar á hostelería local.

Aínda que na xuntanza só estivo presente unha pequena representación da hostelería de Mos, as representantes municipais anunciaron que “desde a Axencia de Colocación de Mos seguirase a chamar un por un a todos e cada un dos hosteleiros mosenses para informalos dos avances, concretarlles as decisións tomadas e explicarlles como teñen que proceder para beneficiarse das axudas”.

A Xunta Directiva da Asociación de Hosteleiros Rías Baixas presentoulle hoxe á alcaldesa unha petición por escrito na que solicitan o pago proporcional ao tempo traballado dos impostos e taxas municipais para os hosteleiros mosenses, no que o Concello vai aínda máis aló xa que hai que lembrar que, desde o inicio da pandemia, o Concello de Mos ten derogada a taxa das terrazas e agora bonificaráselles aos hosteleiros o recibo do lixo nun 50%, co que aforrarán a parte proporcional a medio ano ou 6 meses.

Por outra banda a Asociación Rías Baixas tamén instou ao Concello de Mos na reunión desta mañá a realizar un control estricto dos furanchos do municipio para asegurar que non se faga competencia desleal á hostelería e que se garantan as medidas sanitarias nos mesmos, resolvendo así mesmo os expedientes sancionadores co tempo suficiente para que cumpran a sanción e pechando inmediatamente os que traballen como hosteleiros sen ter os pertinentes permisos. Esixen así mesmo que se comprobe que os furanchos teñen exposto ao público a relación de tapas que poden vender co prezo, tipo de viño e prezo, horario de apertura, e inicio e fin de tempada.

A Directiva da Asociación insistiu neste sentido en que as administracións sexan “intransixentes coa competencia desleal sendo de vital importancia que a inspección funcione adecuadamente”. Os Hosteleiros das Rías Baixas xa pediron en xuntanzas previas coa Xunta de Galicia (Consellería de Vicepresidencia e Turismo) e con outras administracións locais a colaboración e medidas hoxe solicitadas no Concello de Mos.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad