Tamén se abordará a petición a Educación dun cambio de aula sen ventilación de alumnos do IES Ribeira do Louro
Mañá xoves o Concello do Porriño celebrará cinco comisións municipais informativas preparatorias do vindeiro pleno ordinario da Corporación que terá lugar o vindeiro día 25. As comisións están convocadas entre as 19 e as 20,30 h e serán telemáticas.
Entre os asuntos que se abordarán cabe subliñar o expediente para levar a licitación o novo contrato da piscina municipal. Segundo informará na comisión correspondente o concelleiro de Deportes, David Alonso, o prezo base da licitación será un millón e medio de euros, a razón de 545.000 por exercicio, xa que a vixencia do contrato será por un máximo de 3 anos.
Entre as condicións que se formularán no prego da licitación figuran a subrogación do persoal actual da piscina (máis de 20 traballadores). Asemade a empresa que resulte adxudicataria deberá asumir a prestación de clases de instrución e formación tanto na auga como no ximnasio da piscina.
Segundo estima o concelleiro responsable, se a tramitación do expediente non sufre atrancos, a licitación podería abrirse a primeiros do 2021.
Entre os asuntos que se abordarán nas diferentes comisións figuran varias mocións que os grupos levarán ao vindeiro pleno. Entre elas, o grupo socialista pedirá o respaldo da Corporación para demandar á Consellería de Educación que atenda a reclamación de pais e nais de 9 alumnos de 13 e 14 anos que reciben a súa formación no IES Ribeira do Louro nunha aula carente de ventilación, localizada enriba do laboratorio do centro.
As sucesivas peticións de nais á Consellería para que traslade aos alumnos a un espazo con maior seguridade ante a actual situación sanitaria, recibiron resposta negativa.
A moción que defenderá no pleno municipal a concelleira de Educación e voceira do PSOE, Lourdes Moure, proporá que a Corporación inste á Xunta a trasladar de xeito provisorio aos alumnos a outra aula e realizar as obras de ventilación precisas para garantir a súa seguridade.