A crise sanitaria inflúe no incremento de certas partidas do estado de gastos como as relativas a dependencia, educación, Policía Local e Emerxencias. A alcaldía celebra que, desta vez, non haxa “facturas pendentes de recoñecer”.
O Concello anunciou onte a finalización do orzamento municipal para o vindeiro ano 2021, que este mediodía lle foi entregado aos grupos políticos da oposición para que poidan estudalo e que será levado a aprobación no Pleno do presente mes de novembro. Trátase, segundo fontes municipais, dun documento moi marcado pola crise sanitaria da COVID-19 no que a principal novidade será a creación dunha nova partida destinada a gastos derivados dela. Esta ascenderá aproximadamente a uns 200.000 euros, que lle permitirán ao Concello adaptarse e afrontar os novos gastos que se xeran coas novas circunstancias da nova normalidade.
A devandita partida inclúe, entre outros gastos municipais surxidos coa crise sanitaria, desde un reforzo de dotacións para a Policía Local e o Servizo Municipal de Emerxencias que implican unha mellora do equipamento específico para realizar labores relacionadas coa COVID-19, ata un aumento da dotación económica da partida de Educación para destinalo á desinfección exterior dos colexios e instituto que se comezou a facer por mor da pandemia.
Ademais desta nova partida, o máis importante e destacable do orzamento 2021 é o importante incremento da partida destinada a Servizos Sociais, que crece en preto de 700.000 euros, debido ao incremento de horas de servizo á dependencia, entre outras políticas sociais, tamén a raíz da COVID-19. Outra das partidas que se incrementa coincidindo con esta crise sanitaria é a dos gastos de persoal correspondentes á Policía Local mosense, ao terse cuberto as prazas que quedaran vacantes. No presente ano 2020 xa se incorporaron 2 novos axentes locais e o vindeiro 2021 farano outros 2, co que a plantilla da Policía de Mos increméntase en 4 novos axentes. A dotación económica para os soldos dos 2 axentes que se incorporarán en 2021 ascende a 65.500 euros.
O importe total do orzamento municipal de gastos para 2021 aumenta respecto 2020 e chega aos 10,9 millóns de euros, sendo a partida máis elevada, un ano máis, a destinada a gasto social, que acada os case 2.000.000 euros (1.244.100,47 euros en 2020). O orzamento do presente ano é de 10.099.715,13 euros no estado de gastos, polo que crecerá en case 900.000 euros o ano que ven.
A alcaldesa afirma que “a pesar do seu incremento destinado a políticas sociais, segue a tratarse dun presuposto baseado na austeridade e na eliminación de gasto superfluo”. A rexedora celebra tamén que o documento sexa presentado “en tempo e forma” e que recolla o cumprimento das porcentaxes necesarias destinadas á amortización da débeda pública á vez que asegura que, deste exercicio, non existen “facturas pendentes de recoñecer dos anos anteriores”.