Redacción 18/11/2020

A Deputación e a Universidade de Vigo revalidan á súa aposta por fomentar vocacións científicas entre ás rapazas a través de “Inspira Steam” 

Carmela Silva, Manuel Reigosa e Natalia Caparrini presentaron o programa, no que mulleres que traballan no eido destas carreiras tutorizarán ás mozas para motivarlles a escoller as titulacións “nas que está o presente e o futuro”

Fomentar as vocacións nas carreiras tecnolóxicas, “nas que está o presente e o futuro”, entre as nenas e mozas é o obxectivo central do proxecto “Inspira STEAM” que volven a desenvolver ao longo deste curso a Deputación de Pontevedra e a Universidade de Vigo. A presidenta da institución provincial, Carmela Silva, o reitor Manuel Reigosa e a vicerreitora Natalia Caparrini deron hoxe a coñecer esta iniciativa que permitirá ás escolares dos centros da provincia coñecer como son estas titulacións e os traballos aos que dan acceso a través das sesións formativas con profesionais do ramo. 

Esta é unha nova edición deste proxecto que naceu no ano 2018, como explicou Carmela Silva, inspirado no desenvolvido na Universidade de Deusto e que xa está en marcha noutras comunidades como Madrid, Cataluña, Andalucía, Asturias e Murcia, e que xorde en resposta ao continuo descenso das matriculacións femininas na carreiras universitarias STEAM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñerías, Arte e Matemáticas). “O que pretende é motivar ás mozas da provincia e que poidan ter instrumentos que lles permitan ser conscientes da importancia de optar por estas carreiras”, indicou. 

Tras explicar os “terribles” datos que amosan ese descenso de matriculacións, entre os que citou que a presencia de mulleres é dun 24,5% en Enxeñería e Arquitectura, dun 12% en Informática, un 8% en Telecomunicacións e un 11% en Física, a presidenta recalcou que esta situación “supón que as mozas estanse a matricular por debaixo da media naquelas carreiras que van supoñer a actividade non xa do futuro, senón do presente”. “Esas carreiras –engadiu- estarán presentes en todo o desenvolvemento económico do mundo e van provocar empregos de maior calidade e mellores salarios. E se non temos mulleres, estaremos en inferioridade de condicións. Teremos a un numero inferior ao 50% de mulleres que se dediquen a esa actividade humana que vai ser a que vai provocar a innovación, a investigación e o desenvolvemento. E se a metade da poboación non está nestas cuestións que teñen que ver coa ciencia, coa innovación e co cambio da economía, a humanidade estará coxa”. 

Neste senso, o reitor Manuel Reigosa recoñeceu que estas titulacións están a “perder pulo” no que a presencia feminina na universidade se refire e destacou que con iniciativas como “Inspira STEAM”, enmarcada nas accións da institución para acadar a igualdade, “aspiramos a que polo menos a metade ou un pouco máis do talento que temos nas nosas aulas sexa feminino”. Máis polo miúdo, como explicou a vicerreitora de Captación de Alumnado, Natalia Caparrini, o programa consiste en que mulleres que están formadas ou traballan no ámbito das citadas titulacións manterán sesións de mentorización neste eido con nenas e nenos nos centros escolares. Previamente recibirán unha formación para facer esta tarefa e o que se pretende é que a mocidade “vexa que na súa contorna as profesións STEAM están continuamente”. 

Nestes encontros falaranlles aos e ás estudantes sobre referentes femininas históricas e actuais e tamén desenvolverán accións co obxectivo de romper estereotipos. Caparrini indicou que este ano presentáronse máis candidatas para ser mentoras e está aberta a inscrición dos centros, de xeito que a Universidade confía tamén en superar as cifras de participación do pasado curso. “É unha oportunidade para dar a coñecer a ciencia á toda a mocidade e sobre todo entre as nenas, para que vexan a relevancia que ten e os contextos nos que se pode realizar”. 

Carmela Silva destacou que a de Vigo é xa “unha referencia nas universidades de todo o Estado no eido das políticas ligadas á igualdade”, con múltiples proxectos como a estreada web da Cátedra Feminismos ou o proxecto para a visibilización do traballo da muller no mar. “Iso fala da autenticidade dunha universidade que sabe que non só ten que ser transmisora de contidos, senón que se compromete cos valores, como debe ser a universidade do século XXI”, afirmou.   Destacou a importancia de “Inspira STEAM” e lembrou que o feito desta escasa presencia feminina nestas titulacións ten que ver coa menor visibilidade das mulleres neste campo, “onde sempre hai homes que aparecen como tecnólogos”. “As nenas non ven a mulleres. E hainas potentísimas. Por iso é importante que sexan mulleres as mentoras que vaian aos centros para que as mozas teñan referentes. Porque se as nenas cada vez que ven a mulleres en campos como os coidados, pensan que o seu papel no mundo son os coidados”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad