Redacción 17/11/2020

Pedro Pereira declarou que o Concello está “parcialmente satisfeito” co compromiso da Xunta sobre as obras da estrada que cruza a parroquia porriñesa de Budiño e que acadarían os 27 millóns de euros

 

O primeiro tenente de alcalde do Concello de O Porriño, Pedro Pereira, trasladou hoxe a unha representación veciñal da Vaquería a impresión de que o goberno municipal “está parcialmente satisfeito” do resultado da reunión que onte mantivera con Francisco Menéndez, director xeral da Axencia Galega de Infraestruturas para tratar do proxecto da varíante.

A reunión, reiteradamente solicitada polo Concello do Porriño “confirmou o compromiso da Xunta de que acometerá a obra aínda que sabemos que é un proxecto complexo e que levará 4 ou 5 anos ata que sexa completado” valorou Pereira.

O concelleiro trasladou aos veciños de Budiño a información concreta que lle proporcionou Menéndez sobre as características da variante. O vial terá un 1,4 km e unirá a Autovía A-55 coa estrada PO-510, o que suporá a eliminación do tráfico tan intenso que hoxe en día soporta a travesía de A Vaquería. Debido ás afeccións o proxecto aínda terá unha longa tramitación.

Unha das principais trabas é o alto custe da obra que se estima en 27 millóns de euros, polo que a Xunta de Galicia estuda o seu posible financiamento en varias anualidades. A primeira partida orzamentaria será de 300.000 €  perencentes ao custe aproximado da redacción do proxecto definitivo para a súa licitación.

Namentres o compromiso acadado por Pereira con Menéndez é que a Xunta de Galicia acometerá obras de calmado do tráfico e mellora da seguridade viaria da actual travesía na estrada PO-510.

O concelleiro e os representantes veciñais de Budiño acordaron manter unha interlocución permanente coa Consellería de Infraestruturas da Xunta para que o proxecto non se demore. 

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad