A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, remitiulle onte venres á súa homóloga porriñesa unha carta pedindo que se adopte esta medida que beneficiaría á hostalaría de Mos, O Porriño, Salceda de Caselas e Tui.
O Concello de Mos informou esta semana das novas medidas que se están a estudar e tramitar por parte da administración local para apoiar á hostalaría local: na mañá do venres remitíuselle unha carta á alcaldesa do Porriño, Eva García de la Torre, presidenta do Consorcio de Augas do Louro, para pedirlle que se aplique a bonificación do recibo do saneamento e abastecemento de auga aos hostaleiros de Mos, O Porriño, Salceda e Tui, os catro municipios integrantes do Consorcio.
Segundo informa o Concello, esta semana realizouse un diagnóstico do número de hostaleiros existentes en Mos e chamóuselles a todos por teléfono para preguntar pola súa situación. Tamén durante esta semana o goberno local estivo traballando para poder anunciar unha serie de medidas de apoio ao sector que se concretarán nunha reunión cunha representación dos hostaleiros que se celebrará o vindeiro mércores 18.
En apoio ao sector, o Concello de Mos ten derogada a taxa das terrazas desde o inicio da pandemia. Tamén creou e comezou a implementar a plataforma web ‘Queda en Mos. Todo ao teu alcance’. Ademais, o Concello de Mos está traballando para intentar poder bonificar aos hostaleiros o recibo do lixo na parte proporcional correspondente aos 5 meses de afección á hostalaría en 2020 que foron marzo, abril, maio, novembro e decembro, xa que se considera que a obrigación dun peche, aínda que sexa a partir das 23.00 horas, constitúe unha afección.
A partir do vindeiro luns, 16 de novembro, desde o Concello de Mos establecerase contacto de novo con todos os hostaleiros para que saiban que a partir do mércores 18, tras a celebración da xuntanza cos seus representantes na que se concretarán todas as medidas a poñer en marcha, poderán solicitar as axudas pertinentes. A solicitude de axudas por parte dos hostaleiros centralizarase na Axencia de Colocación de Mos. A petición deberá formalizarse a través dun impreso específico que poderá presentarse telemáticamente, por via dixital. O persoal da Axencia estará a disposición dos hostaleiros que precisen axuda para realizar estes trámites, que incluirán a aportación dunha serie de documentos, ademais de presentar o devandito formulario cumprimentado.