Redacción 12/11/2020

O Concello do Porriño lidera un proxecto internacional de empoderamento da mocedade contra o cambio climático financiado pola UE 

O Concello do Porriño acadou a aprobación pola Unión Europea dun proxecto sobre mocedade e cambio climático no abeiro do Programa de Desenvolvemento das Capacidades da Mocedade, xestionado directamente pola Comisión Europea e cun orzamento total de 150.000€.

O proxecto internacional liderado polo Concello de Porriño “inclúe accións de capacitación con cursos, seminarios e campamentos formativos, e accións de mobilidade coa organización de eventos no Porriño e nos países participantes que son Portugal, Cabo Verde e Mozambique”, segundo explicou Lourdes Moure, concelleira de Educación e Fondos Europeos. 

O vindeiro xoves 19 “haberá unha primeira reunión telemática dos socios do proxecto que suporá o comezo das actividades que se desenvolverán durante 24 meses”, informou Moure Varela que ponderou que “se trata do primeiro proxecto formativo presentado e promovido polo Concello do Porriño que acada financiación europea”.

A concelleira celebrou unha reunión de traballo preparatoria con asistencia da alcaldesa, Eva García; de Noelia de la Fuente, responsable da OMIX e do profesor Amador Ordóñez, coordinador de proxectos internacionais e docente do IES Ribeira do Louro.

Xunto co Concello participarán as ong’s ASPEA (Asociación Portuguesa de Protección Ambiental) e a mozambiqueña ASEJANA (Asociación para a Xuventude e Educación de Adultos de Nampula). Tamén o centro de ensino porriñés IES Ribeira do Louro en representación da Consellería de Educación da Xunta de Galicia e finalmente a Universidade de Cabo Verde.  Finalmente serán invitadas a participar asociacións culturais e veciñais e organizacións empresariais e sectoriais. 

O proxecto denominado “EYFEC” (siglas en inglés de “Empowering Youth for Facilitating Ecological Transition”) ten como obxectivo empoderar á mocedade e ás institucións públicas e ás ong’s como axentes de cambio para o desenvolvemento ambiental sostible, obxetivo que cobra especial importancia no contexto actual de crise económica provocada pola pandemia sanitaria.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad