Redacción 10/11/2020

“Planetario 3D” para Infantil e Primaria, e  “Cinema 360º” para Secundaria, Bacharelato e FP, son as propostas que circulan xa  polos centros educativos porriñeses

 

Esta semana comezou a actividade formativa presencial “Planetario 3D” para alumnos de Infantil e Primaria, coa primeira sesión onte no no CEIP de Cruz-Budiño e que tivo lugar hoxe no CEIP Antonio Palacios, onde acudiron este mediodía a alcaldesa Eva García e a concelleira de Educación, Lourdes Moure.

“Planetario 3D” é unha proposta formativa que se desenvolve coa ocasión do Día Mundial da Ciencia. Celébrase de xeito presencial namentres que outra actividade denominada “Cinema 360º” -enfocada ao alumnado de Secundaria, Bacharelato e FP- terá lugar mediante sesións telemáticas, a partir do vindeiro luns 16 nos institutos de O Porriño, ata o luns 23. 

Ambas actividades están promovidas polo Concello do Porriño a través da Concellería de Educación e a Oficina Municipal de Información a Xuventude (OMIX) que asumiron a proposta que fixera no seu día o Consello de Participación da Infancia e Adolescencia do Porriño.

Coa ocasión da visita ao CEIP Antonio Palacios -no que tamén hoxe se desenvolvía unha quenda do obradoiro de educación en valores, impartidos con cans de terapia- a alcaldesa e a concelleira comprobaron o resultado final dos traballos de arranxo e pintura do vello Pavillón, e dos vestiarios do mesmo que se recuperaron para o seu uso cotián.

“Esta actuación desenvolveuse con medios propios do Concello, a través do departamento de Vías e Obras e a petición da dirección do colexio  xa que, a causa dos protocolos anti-Covid, o pavillón deportivo novo ten que empregarse para as quendas do comedor escolar por necesidades de espazo”, segundo explicou Lourdes Moure.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad