O Xulgado prohibe á familia Franco retirar bens do Pazo de Meirás e ora inventarialos
A maxistrada acolle a medida cautelar solicitada polo Estado co fin de “preservar a integridade” do inmoble, A Administración advirte do “risco” de que “sexa baleirado sen ningún tipo de constancia dos bens do seu interior”.
O Xulgado de Primeira Instancia número 1 da Coruña decreta a realización dun inventario que abarque todos os bens do pazo de Meirás, tanto exteriores como interiores. A maxistrada, desta forma, acolle a petición de medida cautelar solicitada hoxe polo Estado co fin de “preservar a integridade” do inmoble antes de que o próximo 10 de decembro se execute provisionalmente a sentenza que declara que é público e a familia Franco proceda á súa entrega de forma voluntaria.
O rexistro, segundo consta no auto, comezará a elaborarse, coa colaboración dos técnicos da Consellería de Cultura da Xunta, o 11 de novembro ás 10.30 horas. Ata que o documento non estea finalizado e a xuíza o autorice expresamente, a familia Franco non poderá trasladar e/ou retirar ningún tipo de ben do recinto. Para garantir o cumprimento da resolución, o Xulgado requiriu á Garda Civil que estableza un dispositivo de vixilancia no inmoble.
A maxistrada lembra que o pazo foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) no ano 2008, polo que “goza dunha protección integral”, que, tal e como advirte o Estado, “se estende a todos os seus elementos e compoñentes”. Ademais, entende que é “patente” a urxencia de adoptar a medida cautelar, solicitada polo Estado tras facerse público que a familia Franco contratou unha empresa de mudanzas para retirar de maneira inminente os bens do pazo. A xuíza tamén salienta no auto que o Xulgado “ten que velar pola integridade do ben e a efectividade práctica da sentenza, no caso de que a execución provisional se chegue a converter en definitiva”.
O Estado asegurou que a “inmediata” realización dun inventario é “necesaria” debido á “celeridade con que os demandados pretenden proceder ao baleirado do pazo de Meirás” e ao “risco” de que un edificio “coas súas especiais características e nivel de protección, sexa baleirado sen ningún tipo de constancia dos bens que se atopan no seu interior”. Ademais, xustifica a solicitude da medida para garantir que o seu dereito á propiedade do inmoble e de todos os seus elementos ou pertenzas “non se vexa comprometido ante unha eventual execución definitiva” da sentenza.
O Xulgado tamén aceptou a solicitude da Xunta de comparecer no incidente aberto por mor da petición de medida cautelar. O Goberno galego asegura que se ve “na obriga de instar as medidas necesarias para a adecuada protección do Ben de Interese Cultural, coa finalidade de impedir, ata ese día, calquera actuación dos executados que supoña un risco para a conservación e mantemento do ben na súa integridade”.