Redacción 05/11/2020

Poderá beneficiar ata 12.000 establecementos afectados polo peche da actividade e son compatibles coas contías previstas no Plan de rescate para persoas traballadoras autónomas e microempresas, polo que os establecementos poderán percibir un máximo 7. 200 €

Coa medida urxente percibirán 1.000 € por cada mes de afectación e 1.500 € no caso das empresas que conten con máis de 10 traballadores

 

A Xunta de Galicia activou unha nova liña urxente de axudas para saír en apoio do sector da hostalaría -servizos de comidas e bebidas e aloxamentos- afectado no exercicio da súa actividade polas actuais e necesarias medidas sanitarias para evitar a propagación da covid-19 en concellos galegos.

A Consellería de Emprego e Igualdade informou hoxe no Consello da Xunta desta nova liña que permitirá inxectar aos empresarios 1.000 € por cada mes de limitación nos servizos que prestan nesta nova fase da pandemia. Poderán beneficiarse desta medida uns 12.000 establecementos situados nalgún dos 60 concellos de maior incidencia epidemiolóxica.

Estas axudas veñen a sumarse ás previstas no Plan de rescate de persoas traballadoras autónomas e microempresas polo que a contía total podería ascender, segundo o caso, ata un máximo de 7.200 €.

A nova liña de axudas, enmarcada no conxunto de actuacións que a Xunta promove cara ao rescate das actividades máis afectadas pola pandemia e á reactivación económica, chegará ao sector das comidas e bebidas (restauración) e aos servizos de aloxamento que vexan limitada de xeito grave a súa actividade mediante o peche, coa aplicación das medidas sanitarias desde o pasado mes de outubro en determinados concellos.

As axudas prevén inxectar 1.000 € ao mes aos establecementos máis afectados polas medidas activadas por recomendación sanitaria, por cada un dos meses de vixencia con efecto no concello onde se atopan. Estas axudas poderán incrementarse ata os 1.500 €, nos casos nos que o empresario teña ao seu cargo máis de 10 traballadores.

Unha vez informado ao Consello da Xunta sobre esta liña de axudas, está previsto poñer en marcha o procedemento o antes posible coa súa publicación no Diario Oficial de Galicia a finais deste mes de novembro. Ademais a tramitación das axudas farase dun xeito sinxelo e dando prioridade á orde de solicitude ata esgotar o crédito.

A nova liña resulta compatible coas outras axudas tamén enmarcadas no Plan de rescate de persoas autónomas e microempresas que promove a Xunta. No mesmo prevese unha contía de 1.200 € para os traballadores por conta propia e outros 4.000 € no caso de ser tamén microempresas que conten con empregados que estean (ou teñan estado) en situación de Expediente de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) e acrediten perdas de polo menos o 50% respecto do mesmo período do ano anterior.

A esas cantidades sumaríanse os 1.000 € por mes de cesamento na súa actividade dos que a Consellería de Emprego e Igualdade informou hoxe ao Consello, co que os negocios situados en concellos con limitación de actividade desde o pasado mes de outubro, estarían en disposición de acadar ata 7.200 € de compensación.

O obxectivo de todas estas medidas consisten en dotar de liquidez ao máximo número de empresas afectadas na comunidade pola crise sanitaria. A Xunta pretende contribuír así ao mantemento do emprego e da actividade económica dos establecementos de hostalaría mediante un apoio económico que lles permita sobrelevar a merma ou inactividade provocada polas limitacións efectuadas por recomendación sanitaria. A Xunta está en contacto co Clúster de Turismo e cos interlocutores do sector hostaleiro cara a consensuar os detalles desta nova liña de axuda.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad