Amais da cita previa online, duplicouse o servizo de atención telefónica “destinado precisamente ás persoas maiores e ás afectadas pola fenda dixital. Non temos constancia dunha soa denuncia”
Font cualificou de “tristísimo” o comportamento do PP “que cala cando en plena pandemia nos centros de saúde ou non te collen o te dan cita para semanas despois. Diso non din nada”
O deputado responsable do Servizo ORAL na Deputación de Pontevedra, Carlos Font, manifestou hoxe a súa sorpresa ante o comunicado do grupo popular sobre “supostas denuncias” de persoas maiores que ao carecer de acceso a Internet se verían obrigadas a contratar a asesorías para poder pedir cita previa nas oficinas provinciais. Font expresou a súa perplexidade ante “a ignorancia dos e das deputadas populares que, o ben descoñecen como funciona a atención ao publico neste servizo, ou seguramente teñen a mala fe de denunciar algo que non existe”.
O deputado do goberno provincial sinalou primeiro que “non temos constancia dunha soa denuncia de ningunha persoa maior que vivira esa circunstancia e tampouco o deputado do PP, que expresou este rogo no último pleno, fixo chegar ningunha queixa”. Amais, engadiu Font, desde o inicio da crisis sanitaria, o goberno da Deputación estableceu o sistema de cita previa con tres opcións posibles: por internet, de forma presencial, ou cunha simple chamada telefónica. “De feito, dixo, duplicamos o persoal de atención telefónica ao público pensando precisamente nas persoas máis maiores que poden carecen de medios o coñecementos online.
“É falso” subliñou o deputado, que só se poda facer por internet e, amais, o PP sábeo porque a información se lle facilitou nada máis rematar o pleno da pasada semana” E máis, calquera persoa que incluso acuda presencialmente á oficina sen cita, se lle facilita para o primeiro día que haxa oco para elo.
Carlos Font, que lamentou que o grupo popular pareza querer volver á estratexia do ruído, aconsellou ao PP que se preocupe máis polas cousas que non funcionan. “É inaudito que tenten facer causa de algo que non só vai ben senón que é un exemplo na provincia, e polo contrario parezan a procesión dos caladiños cando son miles as denuncias da cidadanía pola vergoñenta desatención telefónica nos centros de saúde galegos en plena pandemia: ou non te collen ou danche cita para semanas despois”, lembrou o deputado. “Iso si que é un drama, rematou Font, ou as colas inasumibles de persoas nas rúas. E iso non ten unha soa palabra do grupo de deputadas e deputados do PP. É moi triste”, concluíu.