A instalación das caixas de fibra óptica que xa tiña comezado sufriu un bloqueo nos últimos meses e, para a subsanación do mesmo, o Concello anunciou o reinicio da colaboración coas operadoras de cara á implantación definitiva da fibra.
O Concello de Mos anunciou onte que se están explorando diferentes vías para conveniar coas compañías operadoras unha solución ao bloqueo da implantación do internet de banda larga a través de fibra óptica que xa tiña comezado en Mos. Desde a administración local mosense laméntase, “aínda que non é un asunto de competencia municipal”, que as operadoras teñan freado a implantación da banda larga en Mos xusto no momento máis necesario, cando a crise sanitaria da COVID-19 obriga e exixe o teletraballo.
O goberno municipal asegura que tanto técnicos municipais como representantes do goberno local levan semanas traballando neste asunto, mantendo xuntanzas a este respecto, tanto internas como con representantes das operadoras implicadas, a última delas onte pola mañá coa visita do Secretario e a Arquitecto Técnico municipais a unha das zonas da parroquia de Tameiga que se verá beneficiada por este plan de implantación de internet de banda larga.
Entre os trámites que se atopan en marcha está a determinación dos tramos nos que a liña de fibra óptica irá soterrada e nos que a instalación será aérea, primando o soterramento nas zonas nas que a rede pasa por fincas ou propiedades privadas. Ademais noutros tramos nos que así sexa posible, para maior inmediatez da solución que se adoitará, aproveitarase o tendido existente tentando solventar o problema de cobertura no menor tempo posible. Por iso o Concello está a mediar coas operadoras para exixirlles que primen o soterramento de liñas nas fincas privadas.
Unha vez acometido na súa totalidade este plan de implantación de redes de banda larga de acceso ultrarrápido promovida pola Xunta de Galicia e a Administración Xeral do Estado, da que se beneficiará Mos “no municipio mosense vaise xa notar moitísimo esta implantación e as compañías de telecomunicacións van comezar a ofrecer fibra óptica nos núcleos rurais da localidade” declarou o edil de Novas Tecnoloxías que explicou así mesmo que “aínda que nunha zona se atope actuando xa unha compañía, isto non implica que non poida realizar instalación de fibra (previa solicitude de permiso) outra compañía diferente”. Leo Costas comunicou ademais que “desde o Concello estamos a traballar cos operadores de telefonía, comunicacións e internet para acelerar o máximo posible o procedemento de instalación e implantación do servizo”.
Moitas das caixas de fibra das que parte o cableado xa se atopan instaladas en algunhas zonas do termo municipal. Unha vez unha caixa de fibra se atopa instalada, é cuestión de semanas a realización da conexión das vivendas do barrio no que se atopa, ao servizo de internet de banda larga. No Concello de Mos beneficiaranse do despregamento de redes ultrarrápidas de acceso a internet os seguintes núcleos: San Pedro de Cela, Santa María de Dornelas, Santa María de Guizán, San Salvador de Louredo, Santa Eulalia de Mos, San Miguel de Pereiras, San Mamede de Petelos, Santa María de Sanguiñeda, San Martín de Tameiga e San Mamede de Torroso.
A data de hoxe as zonas de Mos que dispoñen de fibra óptica en funcionamento son San Antoíño en Louredo, parte da parroquia de Petelos, e tamén algunhas partes das parroquias de Dornelas e Tameiga.