Redacción 03/11/2020

Así o recolle a Inspección de Traballo nunha resolución tras a denuncia presentada pola CIG por cesión ilegal de traballadores.

 

A Inspección de Traballo vén de facer pública unha resolución na que constata a existencia de “tráfico prohibido” de persoal entre Pescanova España e dúas contratas de mantemento do centro de traballo da empresa de alimentación no Porriño. A decisión da autoridade laboral, que abre tamén un expediente sancionador, chega tras a denuncia presentada pola central sindical o pasado mes de xuño por cesión ilegal de traballadores.

Segundo a Inspección, os 11 operarios afectados -pertencentes ás empresas Selnor Galicia e Viguesa de Servicios Industriales (Viservi)- poderán agora decidir se queren pasar a ser fixos ou nas súas compañías ou na propia Pescanova, aínda que “esta opción só pode producirse no contexto dun procedemento xudicial que declare a existencia da cesión ilegal”.

A decisión da autoridade laboral baséase en que os traballadores/as de Selnor e Viservi comparten quendas de traballo, instalacións, labores, calendario de vacacións e están ás ordes dos encargados de mantemento de Pescanova. A empresa de alimentación fornécelles material de seguridade (guantes) e as pezas necesarias para realizar os traballos de mantemento. Dispoñen tamén das mesmas categorías laborais e formación que o persoal de Pescanova e non fan ningunha labor específica, ao tempo que participan nos cursos de formación da compañía. Ademais, todos eles prestan servizo unicamente no centro de traballo do Porriño.

Esta situación incumpre a normativa laboral, xa que segundo o Estatuto do Traballo “a contratación de persoas traballadoras para cedelas temporalmente a outra empresa só poderá efectuarse a través de empresas de traballo temporal debidamente autorizadas”.

Neste caso, a autoridade laboral considera que se produce cesión ilegal de traballadores/as porque as compañías ás que pertence o persoal que realiza labores de mantemento para Pescanova carecen dos medios persoais necesarios para desenvolver esta actividade coa organización e a dirección propias dunha empresa independente, xa que non contan con cadea de mandos no centro de traballo en cuestión, senón que os seus operarios están ás ordes dos encargados de Pescanova.

A isto hai que sumar que o persoal destas contratas utiliza tanto as ferramentas como os medios técnicos de Pescanova, polo que se desprende que estas ceden unicamente man de obra. De feito, estas empresas “carecen de poderes sobre os medios patrimoniais de produción utilizados polo seu persoal e non asumen os riscos do negocio”, polo que segundo a Inspección non poden ser consideradas verdadeiras contratas.

En consecuencia, a autoridade laboral vén de iniciar un procedemento administrativo sancionador tanto contra as dúas empresas de mantemento como contra a propia Pescanova, ao tempo que establece que os traballadores “sometidos ao tráfico prohibido” terán dereito a adquiriren a condición de fixos, á súa elección, na empresa cedente ou cesionaria, “e esta opción só pode producirse no contexto dun procedemento xudicial que declare a existencia da cesión ilegal”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad