Redacción 02/11/2020

Enmarcado na campaña 12 Chaves da Inclusión, este mes adícanllo á infancia e xuventude, etapas esenciais para o desenvolvemento dunha persoa e que, no caso das que teñen discapacidade, son unhas das que padecen máis discriminación, contemplando a escaseza de apoios para a súa autonomía persoal ou para a escolarización

 

 

COGAMI, a través da campaña lanzada este ano 12 Chaves da Inclusión polo seu trinta aniversario, adica o mes de novembro para reclamar dereitos para as nen@s e adolescentes con discapacidade.

En Galicia hai 7.245 menores con discapacidade con idades comprendidas entre os 0 e os 15 anos, segundo datos da Xunta de Galicia, tendo o 10% destes mobilidade reducida.No conxunto do Estado español non existen datos estatísticos globais que informen sobre a situación da infancia con discapacidade, provocando unha invisibilidade destes períodos e impedindo a súa avaliación para poder mellorar os aspectos que o precisen.

“As nenas e nenos con discapacidade viven moitas situacións discriminatorias que vulneran os seus dereitos fundamentais motivadas pola invisibilidade, pola escaseza de apoios que colaboran na súa autonomía persoal e escolarización, e tamén a causa dunha sobreprotección familiar”, expresa o presidente de COGAMI, Anxo Queiruga.

Unha destas situacións discriminatorias preséntanse nos parques infantís, espazos socializadores, de xogo e diversión que, aínda que na actualidade son cada vez máis os concellos que toman conciencia de facelos inclusivos, aínda hai moitos máis que lles impiden o xogo a nenas e nenos con discapacidade. 

Con respecto á etapa escolar, as e os menores con discapacidade atopan máis dificultades no exercicio do seu dereito ao estudo que engloban dende os desprazamento ata os centros educativos, falta de accesibilidade nas instalacións, escaseza de monitores e profesores de apoio e de axudas técnicas. Todas estas limitacións ocasionan que o alumnado con discapacidade teña máis dificultade para finalizar a súa etapa educativaque o que non ten discapacidade.

“Temos que traballar para que as políticas educativas sexan máis inclusivas, para que conten con máis recursos e con máis apoios para aquelas nenas e nenos que os necesiten. Temos que apoiar tanto ao alumnado para que remate a educación básica e tamén para aquel que desexe acceder a niveis superiores”, apunta Anxo Queiruga.

COGAMI en colaboración con COCEMFE (Confederación Española de Personas con Discapacidad Física y Orgánica) desenvolve dende 2016 un proxecto educativo inclusivo que pretende promover a escola inclusiva e a igualdade de oportunidades do alumnado con discapacidade, contando con máis de 1.000 persoas formadas entre escolares, profesorado e familias.

Todos estes chanzos que existen na preparación supoñen máis trabas de cara á inclusión da mocidade con discapacidade que conta con taxas superiores de desemprego ás persoas que non a teñen e, no caso de poder inserirse no mercado laboral, adoita sen en postos de baixa cualificación.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad