Con motivo da celebración do día de Defuntos, o Concello do Porriño estivo pendente do cumprimento das medidas preventivas establecidas
Durante a xornada de hoxe, axentes da Policía Local do Porriño vixiaron o cumprimento da normativa autonómica nas visitas aos cemiterios da vila, coa ocasión do Día de Todos os Santos
Ao mediodía, a concelleira de Seguridade, Lourdes Moure, comprobou o desenvolvemento do operativo acudindo a varios cemiterios, tanto o municipal como en diferentes parroquias. Segundo indicou a concelleira “o comportamento da veciñanza está sendo moi axeitado, evitando aglomeracións e colaborando cos protocolos”.
Por outra banda a Concellería de Limpeza, que dirixe Sergio Casal, despregou hoxe unha brigada de 6 persoas, que se encargaron de realizar desinfeccións periódicas nos accesos e zonas comúns dos distintos cemiterios, ao longo do día.
Deste xeito dábase cumprimento ao protocolo anti-Covid promulgado o pasado día 22 pola Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta de Galicia que limitaba -a 4 persoas do mesmo grupo familiar e a 30 minutos de duración- as visitas aos cemiterios. O mesmo protocolo instaba aos Concellos a tomar as medidas necesarias para garantir o cumprimento destas normas.