Redacción 29/10/2020

EU Son e Esquerda Unida do Porriño celebran a intervención que Pedro Ocampo fixo na comisión de peticións expoñendo a problemática do lindano

 

 
Onte tivo lugar vía telemática a Comisión de Peticións do Parlamento Europeo na que se abordou a problemática da contaminación por lindano no Porriño, e na que se unificaron as peticións trasladas tamén dende outros territorios afectados como Aragón e Euskadi así como por Ecologistas en Acción.

Trala intervención dos peticionarios, entre os que se atopaba o Coordinador de Esquerda Unida no Porriño, Pedro Ocampo, estes ofreceron unha rolda de prensa na que fixeron unha valoración da Comisión.

Pedro Ocampo valorou “ positivamente a resolución de que a Comisión manteña aberta esta petición co fin de recabar información tanto do goberno autonómico como do goberno central sobre a situación e accións levadas a cabo ao respecto”.

O coordinador de EU do Porriño tamén “valoraba positivamente a resposta da presidenta da Comisión europea” e deputada do PP Dolors Montserrat, quen “recoñecía algo que xa sabemos, que existen programas con dotación orzamentaria para acollerse para afrontar este gravísimo problema que supón a contaminación por lindano”, “aínda que dende a Xunta de Galicia nada se ten feito ao respecto a pesares de telo denunciado no Parlamento en numerosas ocasións”.

Ábrese polo tanto con esta Comisión un proceso de investigación e recopilación de información das administracións para abordar e valorar a situación que afecta gravemente á vida e á saúde das veciñas e veciños do Porriño afectados e do medioambiente en xeral. Especialmente no que atinxe á contaminación da auga, cuestión que entra en colisión coa Directiva Marco Europea da Auga.

Esquerda Unida considera que tras recoñecer a propia Comisión a gravidade e consecuencias derivadas da contaminación por lindano, “tócalle ás administracións coordinarse e actuar conxuntamente para remediar esta situación para o que é precisa a mobilización de fondos económicos que permitan levar a cabo un plan de acción integral no Porriño”.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad