Redacción 28/10/2020

Desenvolveu unha mobilización diante da sede da compañía eléctrica en Vigo

 
 
 
O cadro de persoal de Ullastres, subcontrata de Naturgy -antiga Unión Fenosa- con sede en Mos, protagonizou hoxe unha mobilización diante da sede da compañía eléctrica en Vigo para esixir a subrogación de 40 empregos, tras o anuncio de que a empresa á que pertencen deixará de facer labores de mantemento, lectura e instalación de contadores para Naturgy.
 
@s traballadores da subcontrata desenvolveron unha concentración ás portas da sede viguesa na Travesía 204 de 11:00 a 12:00 h, para reclamar pasar a formar parte da empresa que se faga cargo do servizo a partir do vindeiro 31 de outubro ou, en todo caso, que sexa Naturgy a que asuma a súa contratación. Durante a protesta aproveitaron para cruzar en repetidas ocasións o paso de cebra situado nas inmediacións, provocando breves interrupcións do tráfico.
 
Dende a CIG-Industria de Vigo explican que Ullastres vén de comunicarlle á representación do persoal que perderon o contrato de mantemento con Naturgy para a zona norte, o que deixa no aire un total de 40 empregos. Na central lembran que o convenio do metal da provincia de Pontevedra establece a subrogación do persoal das empresas públicas, pero non o das privadas, “tal e como vimos reclamando dende a CIG”.
 
Por iso entenden que se debe garantir o dereito destes traballador@s a manter o seu posto de traballo, ou mediante a subrogación directa por parte da nova empresa que asumirá o servizo en novembro, ou sendo Naturgy a que se faga cargo deles.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad