Redacción 27/10/2020

Baixo o título “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s” o acto contará cunha representación teatral na que se visibilizará o papel de mulleres como Margot Sponer que participaron activamente na publicación 

Haberá tamén un coloquio, recuperando o xerme do nacemento da “Revista Nós” coa participación de mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política

 

 

A Deputación de Pontevedra vai celebrar o centenario do xurdimento da “Revista Nós” cunha proposta cultural, este xoves ás 19.30 horas no Pazo provincial, que inclúe unha representación teatral e un coloquio a modo de “viaxe no tempo” nos que as mulleres terán un papel clave. “Ao contrario do que acontecía no século XX – asegurou Carmela Silva- hoxe as mulleres son as protagonistas da revolución cultural e en todos os ámbitos que vive Galicia. É un deber neste XXI darlles voz ao igual que é unha obriga visibilizar a aquelas mulleres silenciadas e que tiveron un papel fundamental a comezos do século pasado”.

A cidade de Pontevedra, que veu nacer hai cen anos á “Revista Nós”, tiña que acoller un “gran acto” conmemorativo da xeración que marcou un punto de inflexión na historia da cultura galega. Co título de “1920 Nós, 2020 Nós outr@s” traerá “ao presente”, da man da compañía de teatro “Os Quinquilláns”, a figuras femininas que participaron activamente na publicación. Despois, tamén no Pazo, recuperando o xerme da “Revista Nós” no faladoiro que se facía entón no Café Méndez Núñez, haberá un coloquio con mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política.

“1920 Nós, 2020 Nós Outr@s” arrancará este xoves cunha representación teatral na que coñeceremos a Margot Sponer, unha lingüista alemá que colaborou coa revista e que, con “Documentos Antigos de Galicia”, converteuse nunha das pioneiras dos estudos galegos no mundo. Coa figura de Sponer porase en valor o papel da muller na época, así como visibilizarase a proxección internacional da “Revista Nós” e, xunto a ela, tamén viaxarán no tempo ata o século XXI Vicente Risco, Ramón Cabanillas, Antón Losada e Castelao. Ela e eles farán partícipe ao público da “gran revolución” da Xeración Nós, percorrendo o Pazo dende o exterior ata o Salón de Plenos, pasando polo vestíbulo, onde as personaxes serán recibidas pola presidenta provincial Carmela Silva.

Amais da peza teatral, haberá tamén un coloquio, no Salón de Plenos, recuperando así o espírito crítico da Xeración Nós, no que mulleres e homes das letras, arte, historia, xornalismo, audiovisual, universidade e política. Ao contrario do que acontecía a comezos do século XX, nesta viaxe no tempo “1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s”, as mulleres si terán un papel protagonista, participando como suxeitos activos na construción da cultura galega. Deste xeito, poderemos escoitar a María Reimónez, tradutora, intérprete e feminista; a Kiko Da Silva, ilustrador, editor e director da primeira escola profesional de Banda Deseñada de Galicia; a Afonso Vázquez Monxardín, catedrático de Lingua Galega e membro do Museo Arqueolóxico de Ourense; a Susana Pedreira, directora e presentadora de programas radiofónicos a nivel local, rexional e nacional, co-fundadora de “As mulleres que opinan son perigosas” e co autora de “Oito olladas sobre a folga feminista do 8 de marzo”; Chelo Loureiro, produtora especializada en animación audiovisual; Miguel Fernández Cid, historiador e crítico de arte; e Carmela Silva, política e primeira muller en presidir unha deputación provincial en Galicia.

“1920 Nós, 2020 Nós-Outr@s” tamén fará partícipe á Universidade no acto de celebración do aniversario do nacemento da  “Revista Nós”. Neste caso, un grupo de artistas da Facultade de Belas Artes de Pontevedra, en vivo e en directo, duranteo propio acto, renderán homenaxe á Xeración Nós dende a arte contemporánea.

Amais deste acto cultural de “viaxe no tempo”, este mércores, 28 de outubro ás 19.30 horas, terá lugar no Sexto Edificio do Museo a mesa redonda “A revista Nós: a romaría das palabras”, na que participarán o deseñador Pepe Barro, o doutor en Filoloxía Emilio Xosé Insua, a profesora Patricia Arias e o escritor Miguel Anxo Seixas.

A “Revista Nós” xurdiu en Pontevedra, no Café Méndez Núñez, o 30 de outubro de 1920 no transcorrer dun faladoiro no que participaban Castelao, Cabanillas, Antón Losada Diéguez, Florentino López Cuevillas, Ramón Otero Pedrayo e Vicente Risco.  A revista, enmarcada no proxecto de modernización e europeización da cultura galega, combinaba tradición e innovación e promovía a defensa e normalización do galego a través de contidos literarios, lingüísticos, artísticos, etnográficos, filosóficos e de pensamento político, cuxo carácter multidisciplinar deixou unha fonda pegada na cultura galega.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad