Redacción 22/10/2020

A través deste proxecto que impulsa as plantacións de froitos de bosque ecolóxico, a institución provincial comprométese activamente co medio ambiente e o apoio ao medio rural

As persoas participantes recibiron formación e asesoramento para emprender en zonas rurais da provincia

 

 

A  Deputación de Pontevedra destaca a gran acollida do proxecto Depofroitos, a iniciativa  desenvolvida para impulsar o cultivo de froitos do bosque ecolóxico entre persoas interesadas en emprender en zonas rurais da provincia, á que se sumaron este ano preto dun cento de participantes e que vén de finalizar.

O proxecto enmárcase no programa Empleaverde, a través do cal a Fundación Biodiversidade do Ministerio para a Transición Ecolóxica e o Reto Demográfico desenvolve a súa actividade como Organismo Intermedio do Programa Operativo Emprego, Formación e Educación (POEFE) do Fondo Social Europeo (FSE) para o período de programación 2014-2020.

A través deste proxecto, que se enmarca no firme compromiso da Deputación na defensa do medio ambiente cara a transición ecolóxica e no seu apoio ao medio rural, creouse un servizo de acompañamento específico para empresas de nova creación, no que se asesorou ás persoas participantes e se lles informou sobre diferentes aspectos como a tramitación de axudas e subvencións; e a elaboración de plans de viabilidade técnica, económica e financeira, entre outros. Ademais, durante as sesións usáronse ferramentas innnovadoras como un simulador de negocio sobre o cultivo de froitos do bosque e unha aplicación para facilitar a internacionalización das súas vendas, cunha serie de recomendacións de actuación.

Coa execución de Depofroitos a Deputación quixo cumprir unha serie de obxectivos entre os que destacan a creación de emprego verde, o impulso da innovación social con impacto positivo, a promoción e a creación de empresas verdes e a loita contra a desertización, así como a mellora da taxa de emprego neste sector, con especial incidencia sobre aquelas persoas con dificultades para acceder ao mercado laboral.

Os froitos do bosque, entre os que se atopan a mora, o arando ou a framboesa, son un tipo de froita de recente introdución no mercado español que nos últimos anos medrou considerablemente e que está a ter unha grande capacidade de comercialización. Os produtos que se procura poñer en valor son moi prezados polos consumidores, esixen pouco terreo para a súa produción e teñen un custe inicial pequeno, polo que son unha boa opción para obter unha boa rendibilidade a curto prazo e xerar emprego.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad