Con 26 casos activos a alcaldesa expresa a súa preocupación pola falla de información da Xunta de Galicia aos concellos e anuncia medidas “incómodas”
O Porriño entrou hoxe en alerta vermella (nivel 3) segundo publica o mapa que diariamente difunde o Servizo Galego da Saúde. O Porriño aparece en nivel de alerta 3 por ter máis de 21 casos de covid activos nos últimos 7 días.
Despois de coñecer este dato, de xeito extraoficial, a alcaldesa Eva García contactou coa Consellería de Sanidade que lle informou que hoxe hai 26 casos activos de infectados por Covid no termo municipal.
A alcaldesa declarou que “a actitude da Xunta de Galicia prodúcenos preocupación e angustia porque carecemos dunha información directa e periódica”. A rexedora sinalou que a Xunta de Galicia “compórtase cos concellos con desconfianza o que causa prexuízo aos cidadáns por que produce que reaccionemos tarde”.
A alcaldesa avisou á veciñanza que “teremos que adoptar medidas duras e incomodas que non gustarán pero son polo ben común” e pediu que “todos os porriñeses e porriñesas cumpran cos protocolos de distancia e protección para evitar a propagación do virus”.