Na xuntanza, a alcadesa destacou que a sentenza desestima o seu recurso por carecer o Concello de lexitimación ativa para representar aos veciños neste asunto, mas confirma a irregularidade das tarifas diferenciadas segundo o padrón.
A alcaldesa de Mos, Nidia Arévalo, afirma estar “segura de que o Concello de Vigo e o seu alcalde non se atreverán a quitarlle a Pass Vigo aos cidadáns de fóra da cidade olívica, vista a sentencia do TSXG na que se deixa ben claro que a utilización do transporte de viaxeiros non pode ser discriminatoria, como tampouco poden introducirse discriminacións por razón do territorio ou da residencia, rexeita calquera tarifa que diferencie a uns usuarios de outros en razón ao lugar onde residan e declara que supón un trato desfavorecido e discriminado sendo improcedentes as vantaxes tarifarias en razón ao lugar de empadroamento”. Así defendeu a súa postura nunha reunión mantida onte no local da Asociación de Veciños de Torroso.
A rexedora local mosense está convencida de que “o alcalde de Vigo non se atreverá a quitarnos a Pass Vigo, pero si se atreve a facelo, serán os propios veciños individualmente os que denunciarán persoándose como parte directamente afectada, e desde o Concello apoiarémolos asumindo os gastos derivados do xuízo”.
O Concello entende que se as accións legais son emprendidas directamente pola veciñanza afectada progresará a favor da mesma, porque o motivo da desestimación do recurso de apelación interposto polo Concello de Mos non é máis que unha cuestión meramente formal baseada en que a administración local mosense non ten facultades para alzarse fronte a actuacións que repercutan na esfera patrimonial dalgúns dos veciños do municipio por máis que poidan ser ilegais, nin exercitar accións en defensa dalgún grupo de veciños, para o que non ostenta lexitimación.