Os socialistas de Mos denuncian o abandono da cultura nas políticas do Concello por motivos de axuste orzamentario e, apesar das garantías de seguranza que adoitan proveer os eventos culturais, chaman a atención sobre as cancelacións e a delicada situación do sector.
Despois do confinamento, a raíz do Covid, moitos foron os concellos que optaron por durante o verán facer actos culturais ao aire libre. Pola contra o Concello de Mos, e así o recolle o informe elaborado dende alcaldía para levar a cabo outro Plan Económico Financeiro, decidiron non facer este tipo de actos e con ese aforro poder facer fronte aos axustes económicos que este novo plan exixe.
Os socialistas afirman que os últimos meses serviron para comprobar que se pode facer cultura de forma segura, e que é unha maneira de axudar o sector cultural que viu cancelada gran parte da súa axenda. Este tipo de eventos foron reclamados por parte da oposición sen obter resposta do goberno, xa que leva seis meses sen promover un acto cultural presencial ou retransmitido en directo para chegar a máis veciñas e veciñas.
A voceira socialista, Victoria Alonso, critica a actitude do goberno por virarlle as costas ós profesionais do sector cultural e por non promover a cultura segura no noso concello. Engade que está abraiada ante o feito de que promova actividades relacionadas coa Volta Ciclista porque se acerca a data, e non pensase nos profesionais do Concello. Tamén fai fincapé en que dende alcaldía queiran apropiarse de actividades feitas por asociacións locais con fondos propios ou doutras administracións, neste sentido estase a referir o concerto celebrado a pasada fin de semana no Pazo de Mos. Dito concerto foi promovido pola Banda de música de Torroso e desenrolado en colaboración ca Fundación Pazo de Mos, o Concello tan so colaborou coa súa presencia.