Son cinco as Comunidades de Usuarios mosenses que se benefician destas axudas autonómicas coas que puideron acometer melloras en depósitos, condicionamento de instalacións e reposicións de tubaxe, entre outras melloras.
A Xunta de Galicia destina este ano 51.700 euros a subvencionar melloras en Comunidades de Usuarios de Augas de Mos. As 5 beneficiarias son a Comunidade de Usuarios de Augas para Usos Domésticos do Barrio de Castro-Mos, a Comunidade de Usuarios Mina do Ferreiro, a Comunidade de Augas de Torroso, a Comunidade de Augas Fonte do Pobo, e a Comunidade de Usuarios de Fonteliña.
Grazas ás subvencións autonómicas recibidas, estas Comunidades de Augas puideron acometer melloras en depósitos, acondicionamento de instalacións e reposicións de tubaxe, entre outras melloras. Ademais de a estes colectivos, a Xunta axudou económicamente no que vai de 2020 a varias asociacións veciñais, sumando no que vai de 2020, 110.000 euros concedidos pola Consellería de Presidencia, Administracións Públicas e xustiza, a través do Plan Específico de Acción Comunitaria, repartidos entre Comunidades de Usuarios de Augas e Asociacións de Veciños. Un exemplo dos beneficiarios é a Asociación de Veciños Chan do Bosque que grazas á axuda da Xunta puido acometer unha obra de acondicionamento e mellora da planta baixa do seu local social, entre outros traballos, nos que se fixo unha inversión total de máis de 13.000 euros.
As diferentes subvencións están a ser investidas en varias asociacións destinadas a obras, tales como acondicionamento de instalacións, reforma de fiestras, obras de acondicionamento da accesibilidade, melloras eléctricas, compra de mobiliario, etc. Ademais de Chan do Bosque e as cinco Comunidades de Augas antes citadas, as outras catro Asociacións de Veciños mosenses que recibiron axudas da Xunta son as de Celado de Cela, San Rafael de Pereiras, San Mamede de Torroso e Santa Baia de Mos. En total, dez colectivos mosenses entre os que se reparten 110.000 euros en subvencións.