Redacción 19/10/2020

A sede provincial en Vigo acolleu a lectura pública da obra de grandes autoras “no seu momento excluídas da historia” que contribuíron á igualdade desde a literatura

Carmela Silva: “Fomos silenciadas, esquecidas, enterradas, negadas, pero somos unha forza potentísima disposta a ocupar todos os espazos, a metade de todo”

 

 

Ao abeiro do Día das Escritoras, a Deputación de Pontevedra rendeu esta tarde homenaxe e tributo, “case un desagravio”, ás grandes mulleres da literatura que ao longo da historia,e a pesar de ser esquecidas nas antoloxías literarias, contribuíron coa súas obras á loita pola igualdade. Escritoras, mestras, xornalistas e mulleres e homes do mundo da cultura prestaron as súas voces para que fragmentos de obras inesquecibles de creadoras como Rosalía de Castro, Pardo Bazán, Carmen Baroja, Elena Fortún, Concha Méndez, Teresa de Jesús, Mercé Rodoreda, JosefinaCarabias, Gloria Fuertes, Ana María Matute o Circe Maia, entre outras, soaran con forza na sede da Deputación en Vigo. Nun escenario coidado coas medidas de seguridade antiCovid, ambientado con luz violeta e adornado con camelias na sala Rosalía de Castro, a vintena de representantes das distintas disciplinas culturais protagonizaron esta lectura colectiva, que foi tamén retransmitida por streaming.

A presidenta provincial, Carmela Silva, que leu un fragmento de “La Hija del Mar” de Rosalía de Castro, aproveitou a ocasión para facer fincapé no papel que están a desenvolver as mulleres na cultura e na escrita: “estades a ser protagonistas dun movemento cultural potentísimo en Galicia que ten nome de muller”.  Neste eido, a presidenta resaltou que “esta sede acolle hoxe a mulleres que representan o mellor da literatura, con mulleres de hoxe, de onte, de mañá, que son voz clara e das que dende a Deputación nos sentimos orgullosísimas”.Tamén quixo recordar que ao longo da historia as mulleres “fomos silenciadas, esquecidas, enterradas, negadas, pero somos unha forza potentísima disposta a ocupar todos os espazos, a metade de todo, porque a metade de todo é noso”. Por iso, e pese a pandemia, Silva destacou que debemos “celebrar como se merece o Día das Escritoras” e amosou a vontade de “montar unha para o ano que vén que vai valer por mil”.

Xunto a Carmela Silva, interviu a editora e socia de Clásicas e Modernas, Teresa Zataraín, que destacou que as escritoras “simbolizan, amais do noso acceso pleno á cultura, un camiño que foi lento, laborioso e cheo de obstáculos”. Neste senso, apuntou que o seu legado “permaneceu en moitos casos deliberadamente oculto” e subliñou a labor realizada por estudosas para “recuperar esas voces precedentes e reconstruír a nosa valiosa xenealoxía literaria”. “Aínda queda moito por facer en materia de divulgación, pero a difusión é importante e esta xornada contribúe a romper esa brecha de silencio en torno ás nosas escritoras e lles brinda un recoñecemento xusto e necesario”, asegurou.

A lectura dos textos desenvolveuse atendendo ao ano de nacemento das escritoras homenaxeadas, cuxas imaxes foron sucedéndose nunha pantalla. Deste xeito, a autora Isabel Blanco foi a encargada de iniciar o acto coa recitación dun poema de Teresa de Jesús, e as intervencións continuaron nun primeiro bloque con Ledicia Costas que leu a Sor Juana Inés de la Cruz; a presidenta Carmela Silva, que deu voz a Rosalía de Castro; Silvia Penas, cun texto de Emilia Pardo Bazán; o director do MARCO Miguel Fernández-Cid, que leu a Carmen Baroja y Ness; a deputada provincial de Cultura Victoria Alonso coa lectura dun fragmento da obra de Elena Fortún; a escritora María Lado cun texto de Concha Méndez; a autora AnAlfaya, que leu a Errose Bustintza; María Xosé Queizán, que puxo voz á obra de Victoria Duráne Inma López Silva, que recitou un poema de Dulce María Loynaz.

Na segunda quenda interviñeron Teresa Zataraín, coa lectura dun texto de Luisa Carnés; Esteban Valverde, director do Conservatorio Superior de Música de Vigo, que leu a Josefina Carabias; a xornalista Sandra Penelas, que puxo voz á obra de Mercé Rodoreda; a escritora Mar Nieto, que leu a Gloria Fuertes; a xornalista Ana Fuentes, que recitou un poema de Pura Vázquez; a autora Lara Do Pazo, cun poema de Idea Vilariño; a profesora María Jesús Pérez, cun texto de Ida Vitale; a profesional das artes escénicas María Costa, que leu a Ana María Matute; a doutora en Filosofía Raquel Vázquez, que recitou a Blanca Varela e, por último, o libreiro Xurxo Patiño, que deu voz a Circe Maia.

A actividade do Día das Escritoras enmarcouse na Alianza Local pola Axenda 2030 que impulsa a Deputación, e os 17 Días Mundiais relacionados co cumprimento dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible neste mes de outubro. Esta celebración toma como referencia o gran acto do Día das Escritoras da Biblioteca Nacional en colaboración con (FEDEPE) e coa Asociación Clásicas e Modernas.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad