Redacción 16/10/2020

Diego Giráldez -que xa conta con dous premios literarios as súas costas- e finalista agora con Míriam Ferradáns e Cristina Pato a este galardón cun artigo que lle saíu directamente do corazón

 

O escritor e xornalista porriñés Diego Giráldez é un dos tres finalistas con posibilidades de gañar un dos premios de xornalismo máis importantes de Galicia, o Fernández del Riego, que convoca Afundación e que este ano cumpre a súa décimo séptima edición.

O artigo “A cardiopatía de Xulia”, publicado no diario dixital Praza Pública o pasado ano, serviulle a Giráldez para entrar na terna de finalistas xunto a Míriam Ferradáns e Cristina Pato. Na súa columna, o escritor e xornalista do Porriño, fai unha emotiva e contundente defensa da sanidade pública a través dunha vivenza persoal coa súa filla. O texto é un eficaz exemplo de xornalismo literario que, segundo di o autor, “ só me dá satisfaccións”.

Giráldez comenta que desde o momento que foi publicado, “non deixaron de chegarme mensaxes de persoal médico, de enfermería, do equipp de Neonatoloxía do Álvaro Cunqueiro agradecendo o artigo ou mesmo de persoas que pasaron por unha situación parecida”. “É un texto escrito dende o estómago pero en positivo que só trata de poñer en valor a sanidade pública. Unha sanidade deostada que, tal e como estamos a comprobar hoxe en día, merece respecto e unha estrita atención”, finaliza.

Ou xurado, presidido polo presidente da Real Academia Galega Víctor Freixanes, destacou o “sobresaínte nivel” dos artigos presentados e publicados en distintos medios de comunicación durante o 2019.

Diego Giráldez (O Porriño, 1976) exerceu o xornalismo en distintos medios escritos e dixitais. Ademais de coordinar varias cabeceiras, colaborou como columnista de opinión nos xornais A Nosa Terra ou Xornal de Galicia e, a través de reportaxes culturais, con El País.

Na actualidade, colabora no diario dixital Praza Pública e a revista Luzes. Fundou e dirixiu as revistas Malladoura e CanZine e ten escrito diversos libros relacionados coa arquitectura e a historia económica de Galicia.

En 2016, publicou “Galería de saldos”, o seu primeiro traballo literario de narrativa, da man da editorial Xerais. Este libro de relatos curtos, valeulle o aplauso unánime de crítica e público, sendo elixido “Autor galego do ano” pola revista Fervenzas Literarias. En 2019, publica con Galaxia a súa novela “Hotel para coleccionistas discretos” e colabora cos seus relatos en varias obras colectivas, da man da mesma editorial.

En 2010, recibiu o Premio Literario “José Saramago” de relato curto; en 2015, fíxose co primeiro accésit do Certámen Nacional de Narracións Breves “Modesto R. Figueiredo” e un ano despois gañaba o premio literario “Manuel Murguía.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad