Redacción 16/10/2020

O Festival mantén a entrega destes vales para os máis pequenos da aldea, se ben as circunstancias relacionadas coa pandemia non permitiron que as crianzas da aldea participasen neste último certame. A doazón dos vales, cun valor de 20 euros cada un, foi posible tamén grazas á colaboración da papelaría Carlin Dous Trazos.

 

O Festival de Cans fixo entrega esta semana de vales de material escolar para 15 nenas e nenos da aldea que habitualmente colaboran co festival, ou ben que viven en casas que as súas familias ceden para levar a cabo o certame.

Este ano a organización marcouse como máxima prioridade a seguridade das persoas maiores, mais tamén evitar riscos coas nenas e nenos da organización, evitando a participación dos chamados “Guías dos Camiños”. Malia que non participaron no festival, desde a organización fíxose un esforzo para seguir facendo a entrega habitual de vales para mercar material escolar, e poder axudar tamén ás familias nesta época tan complexa. En total, serán vales para que 15 nenas e nenos poidan mercar material escolar por un importe de 20 euros, na cadea de papelerías Carlin Dous Trazos, empresa que apoia esta iniciativa.

É o quinto ano consecutivo que Cans desenvolve esta iniciativa, tratando de que o festival sexa unha plataforma que poida colaborar na donación de material e que contribúa a axudar na educación destas nenas e nenos. Este ano, os vales foron parar a nenas e nenos cuxas idades van dos 4 ata os 15 anos. Todos estes rapaces, ou as súas familias, son colaboradores habituais do festival desde hai xa varios anos, onde desenvolven labores que van desde guiar e orientar nos camiños a todo o público que ven ó Festival de Cans, ou mesmo como axudantes de produción en diversos departamentos do festival.

Pouco a pouco, moitas e moitos destas nenas e nenos, van coñecendo a estructura do festival, e desenvolvendo labores de maior responsabilidade, sumando moitas e moitos deles xa máis de dez anos traballando na organización.

O Festival de Cans segue unha fórmula organizativa onde os nenos máis pequenos van sendo coordinados por outros maiores, e estes á súa vez son tutelados por persoas adultas, coñecedoras da dinámica do festival. Deste xeito vanse rotando en cada edición para coñecer un por un os departamentos do festival, coa esperanza de que eles sexan os que asuman a organización no futuro.

Algunhas e algúns destes rapaces tamén participan en cada edición no xurado dos veciños, para darlles a oportunidade de visionar todas as curtametraxes a concurso e aportar a súa propia opinión, cun grupo de persoas de maior idade coas que o festival promove unha relación de respecto interxeneracional.

Ábrese o prazo para inscribir nenas e nenos que queiran colaborar en vindeiras edicións.

Para todas as nenas e nenos da aldea maiores de oito anos ou que cumpran esta idade no ano 2021, e queiran participar en vindeiras edicións do Festival de Cans, o Festival abre desde esta semana unha convocatoria. Os seus pais ou tutores poderán contactar coa organización e inscribilos a través das redes do festival, por mensaxe privada, ou a través do mail de contacto festivaldecans@festivaldecans.com

O festival convida e estimula a estes rapaces para que asistan ás proxecións, ós obradoiros que se organizan, e adquiran tamén os primeiros coñecimentos para aprender a ver o cinema. Coordinados pola veciña de Cans Rosa Bernárdez, a intención do festival é estimular a participación destes nenos, dun xeito didáctico e educativo, de xeito que se identifiquen co festival e adquiran valores como a igualdade, a solidariedade, a conservación do patrimonio histórico e natural ou o traballo en equipo.

Esta web utiliza cookies propias y de terceros para su correcto funcionamiento y para fines analíticos. Al hacer clic en el botón Aceptar, aceptas el uso de estas tecnologías y el procesamiento de tus datos para estos propósitos. Personalizar Cookies
Privacidad